Escaparates que pasan do «black friday»

La Voz VIGO

VIGO

cedida

O colectivo Fento de moda sostible celebra o Novembro Verde con accións para o consumo ético

18 novs 2019 . Actualizado ás 09:34 h.

Desde hoxe ao 29 de novembro • Fento, o colectivo de persoas con sensibilidade pola moda sostible nacido en Vigo organiza durante este mes de novembro unha serie de actividades para pór en valor o traballo de deseñadores, artesáns e creadores de moda sostible durante as datas de maior consumo do ano e nas que os prezos baixos son os protagonistas.

Con estas accións englobadas baixo o título Novembro Verde pretenden achegar ao público diferentes pezas locais, responsables e artesanais que serán a alternativa ao fenómeno da moda desechable, que adoita estar relacionada coa baixa calidade dos materiais, a deslocalización da produción e as pésimas condicións de traballo para quen as traballan.

Para dar comezo a este mes verde, Fento organizou unha serie de Escaparates colectivos en diferentes locais da cidade na que representan estilismos con pezas combinadas dalgunhas das diferentes marcas adheridas ao colectivo, invitando a través dun sorteo nas redes a participar nesta iniciativa e apoiar a súa difusión. Desde onte estes xa se poden ver en Espazo Nido (Ferrería, 25), Espazo Simia (Alfonso XIII, 9) e o taller Cose que che Cose (Ronda de Don Bosco, 8), ata o 29 de novembro.

O venres, 22, no bar Tinta Negra está programado o Taller Remendaxes de reparación de pezas como alternativa ao consumo e en apoio ao movemento make something de Greenpeace, unha ocasión para dar unha segunda oportunidade a roupa que ten arranxo e non convertela directamente en residuo, pasándoo ben e compartindo con outras persoas. Para finalizar, o venres 29 organizan o Venres Verde en Espazo Nido , un día de pico de consumo global no que o colectivo invita á reflexión sobre outro consumo máis consciente, ético e responsable.