A gandería envorcada coa carne saudable

María Hermida
maría hermida PONTEVEDRA / LA VOZ

VIGO

CAPOTILLO

Roberto apostou tanto polas vacas autóctonas como pola produción ecolóxica. E ata vende hamburguesas

07 novs 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Aínda que pareza difícil, por iso de que o rural galego se está baleirando, hai nenos que soñan desde pequenos con ser gandeiros e vivir na súa aldea. Ocorríalle así a Roberto Louzán, veciño de Viascón, no fusionado concello de Cerdedo-Cotobade . «Meus avós tiñan xa vacas, convivín coa agricultura dende neno e eu quería seguir no mesmo», sinala. Pero, aínda que en casa xa había gandería, Roberto empeñouse en darlle unha volta de porca ao negocio, un xiro que derivou en apostar polas razas autóctonas galegas, desde vacas frieiresas a caldelás pasando por cabra galega. E, tamén, pola produción ecolóxica. É difícil sobrevivir economicamente con iso. Así que Roberto reinventa o negocio cada día e o mesmo exerce de gandeiro de toda a vida, levando os tenreiros á feira para tratar de vendelos, que pon un posto nunha feira de gourmet para dar a coñecer a carne dos seus animais. Isto último fará esta fin# de semana en Etiqueta Negra, que se celebra na cidade de Pontevedra.

Roberto, efectivamente, empezou de cero. Primeiro marchouse a Monforte de Lemos e a Coristanco a formarse para traballar na agricultura non só en base ao que aprendera en casa, senón con perspectiva empresarial. Logo, fundou a súa propia gandería, apostando polas razas autóctonas. Así, foi facendo chegar a Cotobade vacas frieiresas, limiás e caldelás. Tamén decidiu envorcarse coa agricultura ecolóxica. Por que? «Pois porque creo que estamos rodeados de plásticos e de químicos e estou convencido de que non hai nada como o natural. As vacas da nosa gandeiría comen o que dan os prados, aos que non se lles botan abonos minerais nin tampouco purín. E iso implica que a carne é moito máis saudable, ou iso é o que se pretende». Ademais, é un convencido do benestar animal, e así o proclama: «Sempre quixen ter animais que puideran estar ao aire libre. Ás veces, cando vai moi mal tempo, hai que gardar os becerros, entón dáselles pienso con certificación ecolóxica. E, malia estar dentro, teñen tamén patios para saír. Non me gusta velos encerrados» conta.

Un ano de cría

A paciencia é a súa aliada. Non en balde, os tenreiros de razas autóctonas e criados ao aire libre vanse criando lentamente, moito máis amodo que os da raza loura galega

. «Estes becerros necesitan, como mínimo, un ano de cría. A carne faise moito máis lentamente»,

indica. Sinala que hai que probala para entender por que é distinta. E que quen o fai adoita repetir.

«Vendemos a moitos particulares, tanto desta zona como de Pontevedra, Vigo ou Vilagarcía»,

indica.

Aínda así, custa sacarlle rendemento económico á explotación, así que a cabeza de Roberto non deixa de buscar nichos de mercado e escaparates para os seus produtos. Atopou un coa celebración da Festa do Becerro Ecolóxico, que organiza no seu municipio e na que centenares de persoas degustan a carne de razas autóctonas galegas. Tamén se pasou pola Semana Verde de Silleda para dar a coñecer o xénero. E este sábado fará o propio en Etiqueta Negra. Nesta ocasión, levará dúas viandas para que os asistentes degusten. «Imos apostar tanto por unha empanada con masa artesanal con recheo de chourizo celta e carne de becerro caldelá como por unha carne de vaca caldelá estufada. No caso da empanada buscamos unha panadería onde nolas fan e o outro prato ten selo noso, xa que o fai a miña nai», indica con emoción. Roberto cruza os dedos para que a empanada teña a mesma acollida que a hamburguesa de carne de tenreira autóctona e ecolóxica, outro produto co que probou sorte hai uns meses, que gustou e que agora vende .

Roberto vese xubilándose coa súa gandería. Sabe que non será doado. E ás veces arrepíntese de ter soñado con iso. Logo, mira a ilusión coa que a súa filla de oito anos trata cos animais e cre que, en realidade, si acertou.

un pouco de historia

Co negocio desde o 2014. Roberto Louzán puxo en marcha a gandería de razas autóctonas no ano 2014. Paralelamente, a súa nai ten outra de vacas louras. En total, contan cunhas 120 cabezas de gando vacún. Ademais de vacas, teñen tamén cabras de raza pura galega e algún cabalo autóctono. Un dos principais problemas cos que se atoparon nos últimos anos foron os ataques do lobo, que no 2017 chegaron a matarlles unhas 120 cabras. Igualmente, viron perigar as súas instalacións polos incendios forestais sucesivos que sufriu o monte de Viascón.