Iván Ferreiro despide hoxe en Vigo a xira de «Casa»

La Voz

VIGO

SANDRA ALONSO

AXENDA | O músico galego estará acompañado pola súa banda habitual e repasará outros temas da súa carreira

31 oct 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O Teatro Afundación de Vigo albergará, a partir das 21.00 horas, un concerto a cargo de Iván Ferreiro xunto á súa banda incluído na súa xira Casa. As entradas están dispoñibles na web Ataquilla.com a partir de 19,90 euros máis os gastos de xestión.

En propias palabras de Iván Ferreiro, «despois de vinte e sete anos de carreira creo que por fin cheguei ao lugar co que soñaba cando era un adolescente». O músico de Nigrán engade que ten «a banda perfecta, con músicos excepcionais que conseguen que as miñas cancións, que tamén son vosas, cheguen todo o máis alto».

«Esta xira contén o que para min é o meu mellor repertorio, elevado ao seu máximo expoñente de interpretación, emoción e amizade. Estivemos virando dous anos e este tramo final vai ser o mellor de todos. Unha banda rodada que permite que as cancións flúan e onde todos damos o mellor de nós mesmos. Invítovos a que entredes. Benvidos a casa», sinala o músico.

O grupo de cancións que centran este concerto están incluídas no disco Casa, o quinto álbum de estudo en solitario, e de material novo de Iván Ferreiro. O traballo foi gravado na propia casa do artista, en Chaín (Gondomar) e en Barcelona baixo a dirección do músico e produción de Ricky Falkner.

Iván Ferreiro neste traballo estivo rodeado polos músicos Xavi Molero, Amaro Ferreiro, Pablo Novoa e Emilio Saiz, á parte do propio Ricky Falkner como baixista.

«O título do disco é o punto de partida de onde nacen as cancións, e, a partir de aí, vou desenvolvendo as miñas obsesións. Empeza sendo un espazo físico e acaba sendo un espazo mental, unha chea de ideas e de cousas que penso sobre certas movidas. Creo que me vou movendo polas miñas obsesións. Creo que tamén ten que ver con como vexo o mundo e como asumo a liberdade, así que dalgún xeito casa é a liberdade», sinalaba a este xornal o músico cando publicou o disco.

Desde o punto de vista musica, Iván Ferreiro dicía entón que era o máis variado de todos os disco que fixera. «Conseguín entrar en moitos espazos sonoros diferentes. É algo que tiña moitas ganas de facer porque, dalgún xeito, estaba pechado nalgún punto harmónico. O xeito de facelo é contar cos amigos», explica, para engadir: «O fío condutor do disco está máis nas letras que nas músicas. A parte musical axudábame a pasar dun sitio a outro e poder explicar que ás veces, cando un está nunha situación ou nun momento emocional concreto, se lle cambias a música pode alterar o discurso».

Con este concerto, no que estará acompañado por toda a súa banda, Iván Ferreiro pecha a xira de Casa, disco que xunto á homenaxe a Golpes Baixos ocupou os esforzos profesionais do músico desde o 2016.