O BNG denuncia que a cesión do paseo de Bouzas está paralizada

VIGO

M.MORALEJO

Costas leva agardando desde febreiro que o Concello requira toda a documentación para facerse coa titularidade da avenida marítima e inicie a súa recuperación.

14 oct 2019 . Actualizado ás 13:09 h.

A cesión do paseo de Bouzas que o alcalde anunciou en xaneiro para iniciar a súa reforma atópase paralizada por unha falta de tramitación municipal, segundo denunciou esta mañá o portavoz do BNG, Xabier P. Igrexas. Ante as promesas de Abel Caballero de executar «un proxecto colosal», o BNG preguntou na Dirección Provincial de Costas e a resposta foi que están a agardar desde o 8 de febreiro a que o Concello formalice unha solicitude completa.

O xefe do servizo de Costas responde ao concelleiro nacionalista que o 25 de xaneiro de 2019 tivo entrada no Servizo de Costas de Pontevedra un escrito do 23 de xaneiro do segundo tenente alcalde e concelleiro delegado da área de Fomento e Contratación, Javier Pardo, no que se solicita a concesión administrativa para un ámbito do paseo marítimo que inclúe unha superficie de dominio público marítimo terrestre máis ampla que a estritamente ocupada pola parte do paseo sobre a súa estrutura de madeira. 

A finalidade da concesión, segundo indicábase no escrito municipal, era a de poder afrontar a reparación e recuperación do tramo en mal estado. Sinala o xefe de Costas que no devandito escrito non se especifica ningún prazo para a concesión solicitada e tan só se acompañaba un plano nun folio sen escala no que se delimitaba o ámbito solicitado, desde a praza da Igrexa ata a antiga fábrica de conservas.

A dirección de Costas requiriu en febreiro pasado a documentación que reglamentariamente debe acompañar a toda solicitude de concesión, con carácter previo á tramitación da mesma. «A día de hoxe a tramitación da concesión solicitada atópase paralizada á espera da recepción da documentación requirida», afirma o xefe do servizo de Costas no seu escrito de resposta ao BNG.

Críticas do edil nacionalista

O portavoz nacionalista, Xaber P. Igrexas, criticou esta mañá que a única xestión realizada por rel Concello foi fabricar «titulares falsos e dar por feito o que non estaba feito».

Os nacionalistas piden ao goberno «que deixe de tomar o pelo a xente» e que atenda os requirimentos que lle fixo a dirección de Costas, emendando a solicitude «chapuceira» que fixo en xaneiro o edil de Fomento. 

En segundo lugar, reclaman que o proxecto sexa participativo e que se teña en conta a opinión dos veciños, que levan meses demandando o arranxo do tramo de madeira que se atopa pechado. «Reviste gravedade que levemos meses aturando mentiras dun proyecto virtual que non se va a materializar mentres non se leve a cabo a cesión», afirma Igrexas. 

O alcalde, Abel Caballero, anunciou o pasado mes de xaneiro que a dirección provincial de Costas transferirá o paseo marítimo desde Bouzas a Samil por un período de 75 anos prorrogables. Desta forma, o bordo marítimo peonil pasará a formar parte da cidade para poder levar a cabo a súa recuperación. O tramo atópase valado desde hai máis dun ano. Durante o último mitin con Pedro Sánchez, Caballero afirmou que non pode presentar o proxecto por estar en período electoral. 

O alcalde chama ignorante ao edil non adscrito

O alcalde, Abel Caballero, manifestou que hai poucos días tivo unha última reunión co director provincial de Costas para ultimar os elementos centrais do proxecto básico, «que é o que nos permitirá pedir o traspaso da utilización do paseo durante un longo tempo». Asegura que tería presentado o proxecto se non fose porque nos atopamos en campaña electoral. «Se o presento denunciarame o Bloque e multaranme e xa que logo, estamos como estamos», manifestou. Tamén se referiu ao BNG como «un partido ignorante», e aclarou que para pedir a utilización do espazo doutra administración necesítase un proxecto básico.

«O BNG caracterízase pola súa ignorancia absoluta e non saben como funciona isto», dixo Abel Caballero, que recomendou ao edil non adscrito «que estude un pouquiño». Engade que «o Bloque non ten concelleiro en Vigo porque non ten grupo neste concello, decidiu que o seu concelleiro fose non adscrito». Dixo que Xabier P. Igrexas, «mostra unha importante ignorancia que debo corrixirlle con todo o afecto».