A Garda Civil adestra en Peinador a policías antidrones

e. v. pita VIGO / LA VOZ

VIGO

XOAN CARLOS GIL

Tres axentes do Equipo Pegaso son adestrados para detectar e neutralizar máquinas voadoras

14 oct 2019 . Actualizado ás 12:37 h.

A brigada fiscal e de fronteiras da Garda Civil de Vigo está a adestrar a tres axentes para exercer a función de policías do aire na provincia. A misión do bautizado como Equipo Pegaso será detectar drones que resulten ser unha ameaza e neutralizalos. De momento, está o equipo humano formado e quedan pendentes das ferramentas materiais. O ámbito desta policía do aire será provincial e abarcará o aeroporto e o porto de Vigo e as Rías Baixas.

A Garda Civil considera que os drones son unha ameaza cando invaden a vida privada dun cidadán, van dotados de cargas perigosas ou intentan introducir droga no cárcere, por exemplo. Mesmo poden xerar riscos no medio acuático. No inverno a ameaza é maior porque actúan amparados pola escuridade e o seu control sería máis difícil. Non descartan actuar en helicóptero para eliminar a un dron intruso. Non se trata de dispositivos que cometen irregularidades administrativas senón dos que buscan causar un dano.

Os axentes en formación estarán en contacto con organizacións de xestión e seguridade aeronáutica e operadoras do aire. A sede da brigada fiscal está no aeroporto de Peinador en Vigo. Outras ameazas son as ás delta, os globos e os helicópteros.

O alcalde Abel Caballero anunciou nos actos da patroa da Garda Civil en Vigo que destinará unha partida orzamentaria para arranxar o cuartel vigués. Asinará un convenio de colaboración coa Benemérita.

Forman a empregados da terminal contra ataques terroristas

A brigada fiscal da Garda Civil porá en marcha a próxima semana o Proxecto Prat (Plan de Resposta a Ataques Terroristas) no aeroporto de Vigo para que as forzas de seguridade e o persoal civil (azafatas, mecánicos, transportistas, técnicos aéreos, limpadores) saiban como reaccionar en caso dun ataque terrorista. Tamén se estenderá máis tarde aos traballadores do porto. A idea é que os empregados saiban cando correr, escapar ou esconderse, así como aprender nocións básicas de autoprotección. É un reto inspirado no proxecto que iniciou o aeroporto do Prat en Barcelona para reducir riscos nun asalto violento.