Os traballadores de Vulcano buscan medidas de presión para a súa reincorporación se hai comprador

A voz VIGO

VIGO

M.MORALEJO

«Hai esperanzas» de que xurdan empresas interesadas por manter a actividade industrial nas instalacións de Vulcano

11 oct 2019 . Actualizado ás 20:04 h.

Os traballadores de Vulcano non se dan tregua. Marchas ata Santiago, manifestacións por Vigo, concentracións no xulgado... Agora que os xulgados resolveron a desvinculación definitiva dos 69 contratos que había en vigor, os afectados reuníronse para valorar medidas de persión que forcen a súa reincorporación se aparece un comprador. 

Hoxe celebraron unha reunión, segundo recolle Europa Press, para analizar posibles actuacións e saber como analizar as ofertas que se poidan presentar, dado que «agora é o prazo», segundo comentou o presidente do comité, Nicolás Sangabriel. 

«Hai esperanzas» de que xurdan empresas interesadas por manter a actividade industrial nas instalacións de Vulcano, indicou Sangabriel, por iso é polo que vaian estar «atentos» para, chegado o caso, «intentar activar a recolocación» dos traballadores do estaleiro.

Os traballadores recibirán hoxe o certificado de empresa, a liquidación e a carta de despedimento, co que a partir de agora poderán solicitar a prestación por desemprego. Aínda deberán agardar uns dez días, cando o auto de extinción dos seus contratos sexa firme, para que a empresa lles facilite o certificado da débeda.