O Marco contén a respiración

La Voz

VIGO

xoan carlos gil

O museo vigués continúa hoxe e mañá as xornadas Espazo en Espera

21 sep 2019 . Actualizado ás 05:35 h.

Hoxe de 18.00 a 21.00 horas Mañá de 12.00 a 14.00 horas • Príncipe, 54 • Gratis • Os espazos da primeira planta do Marco ábrense ata o domingo a unha experiencia escénica e participativa, a través dunha proposta dirixida polos responsables da Artística (a bailarina Olga Cameselle e o actor Alfredo Rodríguez), coa colaboración de dez artistas invitados.

 Tras o programa de onte, Epoché do futuro, do que se encargaban Silvia Penas, Xavier Bértolo e Diego Buceta, hoxe é a quenda de Alfredo Rodríguez, Ailén Kedelman, Miriam Rodríguez e Olga Cameselle con Apnea . Explícano como «o espazo como un colector en suspensión no que se suceden accións referidas á memoria en fractal respiración, que se repliegan unha e outra vez sobre si mesmas, e que se conectan con todo nun xogo azaroso ou tempo subxuntivo».

Os deseñadores da Canalla, Patricia e Fran Soto, serán os encargados de despedir o programa coa sesión matinal Vísteme amodo que teño présa: «Imos ocupar o espazo do Marco cun taller nómade e efémero. Levaremos as nosas máquinas de coser e útiles de costura. Utilizaremos materiais de desfeito procedentes do almacén do Marco», contan.

Vísteme amodo que teño présa é unha frase do refraneiro que usaba o seu pai, Baldomero, que lles transmitiu que merece a pena facer as cousas ben e con cariño. Serán dúas horas de vermú cosendo palabras das persoas que teñan a ben colaborar. Ao rematar quedará a pegada das súas reflexións nese formato. O museo non ten esta semana exposicións pero si segue, ata o día 28, a proxección en bucle do documental Rescatada.