A Cidade da Xustiza de Vigo estará lista nun ano

VIGO

M.Moralejo

O arquitecto explicou que fixo que o edificio gañe dúas plantas máis

31 jul 2019 . Actualizado ás 10:54 h.

A comisión de seguimento da Cidade da Xustiza visitou esta mañá as obras de reforma do antigo edificio do Hospital Xeral, que acollerá a nova sede xudicial. Segundo o arquitecto Alfonso Penela, as obras na Cidade da Xustiza durarán 13 meses máis e finalizarán o 31 de agosto do 2020.

O arquitecto explicou que lle fixo gañar dúas plantas máis ao inmoble de 17 pisos pero desde abaixo, nos sotos para colocar o edificio ao nivel da beirarrúa. Usan micropilotes para soster e enganchar o edificio como en Venecia. Nestes sotos habilitarase un aparcadoiro de 450 prazas de coches e cen de motos.

Terá 38 salas de vistas xudiciais e o  custo hase elevado a 37 millóns por uns imprevistos na chamada zona en H.

Penela ensinou á comisión xudicial un despacho piloto dun xuíz que terá unha ampla ventá e unhas manillas de porta verticais ideadas polo propio arquitecto. A antiga capela, de amplas alturas, fará de despacho de xuntas.

Na parte superior do inmoble, no piso 17 e coroada por un antigo alxibe, aínda non se decidiu o seu uso.

Na comisión xudicial estaban altos cargos do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Avogacía, Decanato, Procuradores, Fiscalía, a delegación da Xunta en Vigo, e a xunta de persoal.

O arquitecto irá en outubro a París a explicar o seu proxecto para «resucitar cal ave Fénix» o «elegante» edificio do Xeral, un tipo de obra de rehabilitación que se está dando moito en Europa actualmente.