O lume non garda as distancias

Pedro Rodríguez Villar
pedro rodríguez VIGO / LA VOZ

VIGO

XOAN CARLOS GIL

A pouca limpeza das leiras particulares dificulta un aspecto crave da prevención dos incendios, que é evitar que se se producen, esténdanse

22 jul 2019 . Actualizado ás 13:02 h.

En outubro do 2017 o sur da provincia estaba asediado polo lume. Os incendios sucedíanse a unha velocidade inusitada. O medo estendeuse entre todos os veciños á vez que unha serie de contos culpaban a mafias ou a motociclistas pirómanos. O lume voaba de copa en copa, saltaba as estradas, as devasas e todo obstáculo que se atopase no camiño. O alto combustible forestal e os ventos do furacán Ophelia crearon o incendio perfecto, impredicible e virulento. O lume cercou estradas, urbanizacións e mesmo se estendeu aos xardíns. Parecía que podía chegar a calquera lugar.

Para evitar estás situacións a lei de prevención e extinción de Galicia esixe que se respecten certas distancias entre a vexetación e a contorna urbana. Debe existir unha franxa de 50 metros onde non pode haber especies pirófitas -árbores con afinidade ao lume- como o eucalipto, o piñeiro ou as acacias. Esta distancia tamén se aplica a depósitos de lixo, gasolineiras e parques ou instalacións industriais. A distancia redúcese en autovías, estradas ou autoestradas. Aquí a franxa debe ser de catro metros se son especies frondosas (carballo, castiñeiro...) ou de dez metros se se trata de especies pirófitas.

As axentes forestais Javier Fernández e Manuel Currás avisan que as franxas de seguridade non se deben xestionar soamente como unha roza cada poucos meses. Para eles, o mellor é darlle un uso a esa superficie para evitar o gasto dunha roza recorrente. «Unha boa opción pode ser a de plantar especies frondosas nesta franxa, achegan riqueza ao ecosistema e articúlanse como barreiras fronte ao lume», conclúen. Fernández e Currás son os encargados de investigar as causa dos incendios forestais no sur de Pontevedra, zona de alto risco de incendio para a Xunta este verán.

Pero a planificación urbana e rural de Galicia é historicamente moi anárquica e un paseo polas zonas queimadas basta para constatar que non se cumpre a distancia de seguridade. Esta é unha das razóns polas que o lume do 2017 atravesou estradas ou autoestradas.

O problema está, segundo as comunidades de montes e axentes forestais consultados, nas parcelas de particulares. En gran parte destas zonas os seus donos non actúan ou mesmo non saben cal é a súa propiedade.

O medo dos comuneiros

Tamén hai lugares onde o traballo se está facendo ben e cúmprese a lei. Por exemplo, a comunidade de montes de Vincios (Gondomar) está a traballar para que nas parcelas comunais cúmpranse as distancias. O mesmo fai a Dirección Xeral de Estradas rozando con maquinaria pesada as parcelas contiguas á autoestrada.

O presidente da comunidade de montes de Chandebrito, Víctor Manuel Vidal, denuncia que gran parte da súa parroquia está invadida pola especie australiana. «O eucalipto crece sen control en moitas parcelas de particulares», avisa. Ten medo a que outro incendio volva rematar con todo o traballo que fan ano a ano na comunidade.

Ademais na zona estanse estendendo plantacións de especies frondosas ao redor da estrada para actuar como unha barreira contra os incendios. Estas especies xeran menos biomasa e crean unha contorna máis húmida polo que é máis difícil que o lume arda con virulencia.

Na parroquia de Nigrán a estrada atópase practicamente cuberta pola maleza. Os eucaliptos crecen dos esqueletos arbóreos que non se cortaron desde 2017 e xa acadan alturas considerables. Alí a estrada non cortaría o lume.

Un informe da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra avisa que os grandes incendios teñen certos patróns que se repiten e o mesmo territorio arde máis dunha vez. No 2017 moitas das zonas que arderon xa o fixeron en 2016.

Tendo en conta este patrón, o director da escola, Juan Picos, avisa que é necesario aumentar «os esforzos para que isto non se volva a repetir». Tamén pon o foco nas distancias de seguridade para evitar que o lume ameace a vida das persoas. «En Galicia as casas han ir subindo como as favelas no Rio de Janeiro monte facía arriba», o que converte en algo prioritario actuar nas distancias de seguridade.