O IKFEM vaise a Valença cos fados de Pedro Moutinho

La Voz

VIGO

cedida

O músico presenta xunto a unha formación en quinteto, o seu disco «Um fado ao contrario»

21 jul 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Hoxe en Valença do Minho desde as 16.00 horas • Gratis • O festival de música IKFEM, International Keyboard Festival & Masterclasses vaise a Portugal e ofrece hoxe varias actuacións, todas en Valença do Minho. Comeza no arquivo da Fortaleza ás 16.00 horas, conferencia de Juan Durán sobre o sinfonismo galego do século XX e XX. Ás 17.00 horas na Praza da República, concerto teclistas da Eurociudad, con alumnos do Conservatorio Profesional de Música de Tui e da Academia de Música Fortaleza de Valença. Ás 18.00 horas no arquivo, mesa redonda: Cultura e Internacionalización: Local versus global, sobre as relacións culturais entre España e Portugal. E unha hora máis tarde na praza da República, concerto de Talentos IKFEM con alumnos das master classes de IKFEM en piano, canto lírico e zanfona.

A cita central terá lugar ás 23.00 horas de novo na Praza da República, con Pedro Moutinho. O músico presenta o seu máis recente álbum, Um fado ao contrário, xunto a outros temas destacados da súa discografía cunha formación en quinteto, con piano xunto a André Dias (guitarra portuguesa), Tiago Silva (viola), Daniel Pinto (baixo) e Inês Laginha (piano).

Pedro Mountinho, irmán de Camané e Hélder Moutinho leva no sangue a paixón polo fado, o cal canta desde os once anos, o rigor na interpretación, a alma e a entrega permanentes. Um fado ao contrário é o sexto álbum da carreira do fadista galardoado en 2006 co Premio Amália na categoría de mellor disco, co seu segundo álbum.