Patrocinado por Patrocinadopor

A baixura nunca se pasa da raia

Begoña Rodríguez Sotelino
begoña r. sotelino VIGO / LA VOZ

PESCA E MARISQUEO

XOAN CARLOS GIL

Vanessa Gayo, mariñeira de Moaña, leva unha década exercitando varias artes de pesca na Ría coa súa lancha

19 jul 2019 . Actualizado ás 09:32 h.

Cando o cliente se asoma ao mostrador da pescadería, poucas veces visualiza á persoa que esa mesma mañá saíu ao mar para pórlle en bandexa o prato do día. Porque cando a pesca é de baixura e artesanal, o percorrido é curto e o prazo, breve. Vanessa Gayo aínda ten impregnado o cheiro salgado do mar e a colleita da xornada está xa alén da ría. Ela navega coa súa lancha polos arredores de Moaña, coas Cíes como límite, pero a súa pesca e ten como destino a lonxa de Vigo, que é o pactado coa empresa coa que traballa.

A nova pescadora nunca pensou en que o mar sería a oficina onde botar as redes para o seu sustento. E iso que a profesión non a pilla de sorpresa. O seu pai, Manolo, era contramaestre en barcos de altura. Pero a Vanessa o amor mariñeiro non lle chegou por vía paterna, senón matrimonial.

Foi o seu marido o que a introduciu nun sector que xa coñecía e no que ela foi entrando aos poucos, arte a arte. «Eu nacín en Soutomaior, pero con dous anos xa estaba en Moaña», conta a mariñeira de 37 anos, que suma xa preto dunha década de experiencia.

«Temos varios oficios asignados, dependendo da tempada. Neste momento estamos co boliche, é dicir, collendo luras; pero tamén o alternamos co marisqueo, basicamente ameixa, o bou, arte de arrastre no que se colle o choco e a jaiba, que é como unha nécora pequeniña, e andamos ademais ao xeito coa sardiña, e cos trasmallos para pescar chocos grandes», resume sobre todo un mundo, como é a pesca artesanal de baixura.

Todas esas variedades que menciona dependen do calendario. «Segundo a época temos abertas unhas cousas ou outras. A tempada dos trasmallos, por exemplo, vai de febreiro a xuño, pero neste momento, de xullo a setembro, o boliche é o que toca aínda que ás veces tamén facemos algo marisqueo. Vas ao que ves que che compensa máis», aclara. Tamén dependendo das aperturas de tempada, o seu horario de traballo cambia. Ela e o seu marido saen coa pequena lancha planadora, que ten xa asignados uns oficios para despachar. «Por exemplo se levamos uns días con pouca lura, cambiamos o despacho á ameixa. É algo que hai que notificar e faise a través dunhas máquinas que hai nas lonxas, para certificar legalmente que podes estar a pescar iso».

Sobre esta tempada conta que tivo un arranque moi abundante, o que fixo baixar os prezos. «Agora é difícil que suba», lamenta. A mariñeira lembra que no verán do 2018 o prezo do quilo de lura chegou a achegarse aos 50 euros, pero nesta ocasión roza os 20 euros.

Segundo conta, a Vanessa nunca se lle deron ben os estudos. Traballou antes na hostalería e nunha fábrica de conxelados. Gústalle, pero recoñece que ás veces é un pouco estresante e outras, require moito esforzo. Os seus horarios son cambiantes e a media rolda as oito horas de xornada, «tamén depende moito de como vaia o día», pero polo menos descansa sábados e domingos. Das artes que practicar, o que máis lle gusta é a ameixa «porque só teño que escoller. O meu marido cóllea e eu elíxoa». O que menos, ir á sardiña, ao xeito, porque se fai de noite, hai que agardar e se non vén é un aburrimento. O bou, para ir á jaiva, tamén é de noite, «pero como fas lance tras lance, é máis entretido», admite.