A primeira médica galega xa ten quen conte a súa historia

VIGO

AXENDA | A xornalista Ana Fuentes publica a historia de Olimpia Valencia, un século despois da súa matriculación na Facultade de Santiago

18 jun 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

En 1925, Olimpia Valencia licenciábase en Medicina con premio extraordinario. Nada na localidade ourensá de Baltar, pero establecida en Vigo desde nena, esta muller foi a primeira galega que se licenciou en Medicina na Facultade de Santiago de Compostela.

A xornalista Ana Fuentes presentará hoxe na Casa do Libro (19.30 horas) Olimpia Valencia. Oito décadas de historia desde os ollos dunha pioneira. O traballo foi publicado polo Instituto de Estudos Vigueses. O presidente da institución, Xoán Carlos Abad, será o encargado de presentar o acto esta tarde. Participarán tamén África González, directora do Centro de Investigacións Biomédicas da Universidade de Vigo, autora do prólogo, e o alcalde de Vigo.

«Había moitas cousas soltas en Internet, pero faltaba o traballo xornalístico de unilo todo. Eu digo que este é un traballo xornalístico. Fun ás fontes e escribín a historia», conta Ana Fuentes.

A decisión de afrontar a historia deste personaxe foille dada á autora por unha vinculación familiar. Olimpia Valencia era prima da avoa de Ana Fuentes. «Roldábame a idea desde hai anos e agora chegou o momento ao coincidir co centenario de cando ela comezou a carreira de Medicina .

«É a primeira galega que se licencia en Medicina na Facultade de Santiago de Compostela, pero non foi a primeira muller en España, porque antes se licenciaron unhas irmás xemelgas asturianas, que eran tías de María Teresa Fernández de la Vega», explica a xornalista viguesa.

A valentía é o trazo que a autora destacable do seu personaxe. «Era unha persoa moi audaz, algo fundamental para unha pioneira, porque se tivo que enfrontar a un mundo que non daba respostas á súa idea da xustiza», apunta. O posicionamento político de Valencia engadiu máis dificultades ás sobrevindas a calquera muller do seu tempo. «Ela significouse apoiando publicamente a candidatura de Castelao; tamén durante a homenaxe a Vilar Ponche; e tamén pediu o voto a favor no referendo do estatuto de autonomía, en xuño de 1936. Todo iso, pasoulle factura porque foi detida e pasou catro días detida, o que marcou un antes e un despois na súa vida», engade.

Para narrar a historia de Olimpia Valencia, Ana Fuentes viuse obrigada a traballar en varios arquivos, unha tarefa que descoñecía. «Este traballo ten os seus truquillos, que fun coñecendo a medida que ía traballando», sinala. Tanto o Arquivo Municipal de Vigo como o da Fundación Ortega Marañón foron fundamentais para realizar o relato.