O Festival de Cans desprázase ao Porriño

La Voz

VIGO

JORGE PARRI

AXENDA | A praza do Concello acollerá diferentes actividades hoxe antes de regresar á súa sede oficial

23 may 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O Festival de Cans afronta a súa segunda xornada cun amplo programa que percorrerá desde as 10.00 á medianoite. Abrirá o día con Cans do Futuro no baixo de Bugarín. Alí desenvolverase o encontro Oficios invisibles, en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual e coa presenza Lucía C. Pan, directora de fotografía.

Á mesma hora, no baixo de Moncho ofrécese a sección Proxecta constrúe, que abordará o tema Achegar os festivais ao público novo: escoitar para programar. Neste encontro participarán Anxo Sánchez (Play-Doc), Sonia Méndez (Carballo Interplay), Manuel Pena (FIC Bueu) e Alfonso Pato (Festival de Cans).

Durante a mañá poderase participar en dúas rutas cinéfilo-literarias, que partirán da rotonda do Can. A primeira, ás 10.30 horas, será dirixida por Xosé A. Perozo, mentres que a outra, ás 11.30 horas, estará protagonizada por Carlos Meixide.

A esa mesma hora, no baixo de Moncho, presentarase o proxecto Orballo, da Fundación Aisge, no que participarán Mariana Carballal, a actriz Raquel Espada e o actor Miguel Canalejo.

A programación da mañá concluirá ás 13.00 horas cun coloquio titulado Audiovisual, unidas e unidos no que nos preocupa no que estarán presentes Anxo Manzano (AGAG), Fon Cortizo (CREA), Anxo Sánchez (Proxecta), Miguel Mariño (Academia Galega do Audiovisual) e Xabier Deive (AAAG).

Ás 15.00 horas renóvase o ritmo do festival cun concurso de pintura rápida relacionado co cine na praza do Concello.

A primeira película da xornada proxectarase ás 17.00 horas no Círculo Recreativo Cultural. Trátase de Global Player. Estará presente o seu director, Hannes Stöhr. Ás

17.30 horas, a sala Ingrávida acollerá un encontro con realizadores de videoclips. Media hora máis tarde, os soportais do Porriño serán o escenario da actividade LendoCine, na que participarán actores e escritores.

Os Zoqueiros animarán ás 19.00 horas a chegada á praza do Concello da procesión de chimpines, que partirá media hora máis tarde con destino a Cans.

O Circulo Recreativo Cultural será o escenario, a partir das 20.00 horas, da proxección da película Eroski paraíso, de Jorge Coira e Xesús Ron. A praza do Concello terá o seu momento gastronómico, a partir das 20.30 horas, cunha exhibición culinaria a cargo de Pablo Pizarro.

Desde as 22.00 horas desenvolverase o concurso de videoclips na praza do Concello. E a xornada concluirá cun concerto de Aries que comezará ás 23.30 horas na praza do Concello.