O Alondras viaxará á Palma no play-off

La Voz VIGO

VIGO

BENITO ORDONEZ

21 may 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O Alondras viaxará ata A Palma para disputar fronte ao Mensaxeiro a primeira eliminatoria da fase de ascenso a Segunda B, para a que se clasificaron o domingo por segunda tempada consecutiva. A ida será esta fin de semana no Campo do Morrazo e o cruzamento decidirase en Canarias.

O técnico do equipo, Antonio Fernández, mostrábase expectante ao coñecer o resultado do sorteo, xa que apenas dispuña de información sobre o rival. Destacaba con todo que evitaran a «algúns cocos» e que aínda que o desprazamento é longo, «había outros peores como Ceuta», lembrando ademais que é preferible o avión fronte ao autobús.

«Sobre o rival aínda non podo dicir moito, haberá que pórse ao choio para solicitar información sobre eles e ver o mellor xeito de preparar a eliminatoria», indica. Porque o primeiro que ten en mente Fernández é coñecer o persoal do Mensaxeiro e como xoga para poder analizalo o máis a fondo posible.

Ao mesmo tempo, recalca que o seu equipo chega nun bo momento e que iso lles achega «tranquilidade». «Nese sentido estou moi contento, imos poder dispor en principio de todo o persoal e creo que chegamos no mellor momento da tempada», explica.

Despois de ter caído o curso pasado no primeiro dos tres cruces que se deben superar para acadar o ascenso, non esconde o técnico que van coa ilusión de pasar. «Fomos un equipo competitivo que loitou toda a tempada por chegar o máis lonxe posible e agora vai ser o mesmo», sinala. Tamén cre que ao tratarse do mesmo corpo técnico e repetir tamén boa parte do persoal, a experiencia do 2018 vailles servir para non caer nos mesmos erros que entón.

Pero máis aló do que suceda neste play-off, Fernández asegura que leva «dous anos de ilusión» no club. «Disputar dous anos seguidos o play-off é algo que non se conseguiu nunca no Alondras. É un privilexio vivir isto e, a partir de aí, o que veña, benvido».

Desde o «respecto» ao rival, Fernández anuncia que o seu equipo vai pór todo da súa parte para chegar á visita ao Mensaxeiro con «un resultado favorable». Para iso pide que Cangas se envorque para encher o Campo do Morrazo.

fútbol