Piden medidas para evitar a entrada da avespa mandarina, máis destrutiva que a velutina

Monica Torres
Mónica Torres O Porriño

VIGO

Yasunori Koide (Wikimedia)

Os apicultores recoñecen na Feira do Porriño o seu temor a que esta especie invada a comunidade

29 mares 2019 . Actualizado ás 22:13 h.

Os apicultores galegos están preocupados pola posible chegada da avespa mandarina, unha variedade máis letal e destrutiva que a temida velutina. «Non queremos crear alarma, pero si unha clara advertencia para que non pase o mesmo que coa velutina». Esther Ordóñez, a presidenta do consello regulador da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia, esixiu onte á Xunta e ao Goberno central medidas para conter a entrada en Galicia de novas especies invasoras.

Ordóñez lanzou a mensaxe desde O Porriño, onde esta fin# de semana se celebra a 31 edición da feira apícola de Galicia. Os organizadores do certame agradeceron aos concellos da comarca como O Porriño e Salceda o traballo co equipo de voluntarios para a eliminación de niños de velutina, un serio contratempo para os produtores pois a invasión desta especie «encareceu os custos do produto», algo no que insistiu Francisco Calvo Santana, presidente dos apicultores pontevedreses.

Os temores actuais, con todo, empezan a estenderse polo temo a esta nova especie: «Agardamos que non chegue a outra avespa, a mandarina, porque esa é moitísimo máis invasiva e destrutiva ?alertou Esther Ordóñez?. É tamén de orixe asiática, procede do Xapón e xa se documentou a súa chegada a China , así que nos tememos que, antes ou despois, rematará chegando na carga dalgún barco a Europa como pasou coa velutina». Os apicultores da comunidade queren que o Executivo autonómico e o central «tomen medidas de control biolóxico para impedir a súa chegada».

Nas xornadas técnicas que se celebraron durante a feira fíxose fincapé na necesidade de previr e loitar contra estas pragas que ameazan o sector apícola galego. A presidenta da IXP lembrou que a clave está no control e que actualmente hai en Galicia 3.500 apicultores e 176.000 colmeas rexistradas. «Mel de Galicia é a denominación de orixe, de entre todos os meles que se producen en España e en Europa, que ten máis colmeas adscritas, máis apicultores inscritos e que certifica máis produto cada ano, o que nos outorga un posicionamento importante. E estamos por facer máis, ata o punto de que os apicultores poidan vivir desta actividade porque ata agora, supón unha renda complementaria», sostén.

O certo é que durante a feira se esgotou todo o mel que se puxo á venda e mesmo houbo apicultores de Galicia e do norte luso que non puideron asistir porque esgotaron existencias antes mesmo do certame, segundo confirmou desde a organización Elvira Furelos. Ester Ordóñez desvelou igualmente que a estas alturas de ano xa está vendida ou comprometida toda a produción comercializada e etiquetada baixo a indicación protexida Mel de Galicia. «Temos máis demanda que produto. Levamos tres anos malos en produción a nivel de floración aínda que o ano pasado foi bastante bo, pero a calidade do produto galego é o seu referente».