Non hai fallo

Ángel Paniagua Pérez
Anxo Paniagua A TRAPALLADA

VIGO

Óscar Vázquez

A maioría dos cidadáns de Vigo creen que non hai ningún problema na cidade

14 feb 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Un idioma propio latexa en cada recuncho de Vigo, a cidade das patatillas e os manises, na que se vai ao choio en tenis aínda que nin sexa doado nin se xogue á raqueta. A terra dos jichos foi tan prolixa na súa creatividade lingüística como profusa no seu soado espírito crítico. Entre paseos en vitrasa naceron expresións que parecen tratados sociolóxicos sobre o carácter local. Talvez comisión de afectados» sexa a principal: un grupo de xente que protestaba, sen unha estrutura clara e sen nada en común máis que a propia protesta, dispostos a encerrarse nun salón de plenos, tatuar a cidade enteira de pintadas ou rebentar calquera acto público que contase cun político. Non eran exactamente asociacións, nin exactamente plataformas, nin exactamente nada; eran comisións de afectados. Algo genuinamente vigués. Nacían como cogomelos a mediados dos 90. Cada decisión xeraba polo menos tres: a comisión de afectados a favor, a comisión de afectados en contra e a comisión de afectados en contra das outras dúas comisións de afectados. Hai quen di que todo aquilo facía ingobernable a cidade; hai quen di que tiña o seu encanto; e hai tamén un consenso: iso era a Casa dá Collona.

Sondaxe acaba de preguntar aos jichos e ás jichas cal é o principal problema da cidade. Podería ter sido calquera: o paro, a crise demográfica, o atraso do AVE , o lento que vai o vitrasa ou os desgustos desta vida incerta. Pero non. A cegada maioría di que non hai ningún, nin un só. Así que, morto o espírito das comisións de afectados, agarrarémonos a outra frase do rico vocabulario vigués: aquí non hai fallo.