A aparición nunha praia de Vigo dunha estraña criatura do abismo mariño sorprende aos científicos

Begoña Rodríguez Sotelino
Begoña R. Sotelino VIGO / LA VOZ

VIGO

Manuel E. Garci

A Phronima sedentaria é un crustáceo moi curioso que emprega a outro organismo para aloxar e coidar os seus ovos

15 feb 2019 . Actualizado ás 10:23 h.

A aparición na Ría de Vigo, concretamente na praia de Samil, dunha femia de Phronima sedentaria alegroulle o día, e poida que o mes, ao vigués Álvaro Roura. O investigador goza como un neno con cara de asombro da chegada deste raro crustáceo mariño a unha contorna onde é moi difícil que se poida ver.

O «bicho», como el mesmo lle chama, atopouno de casualidade Miña, a cadela de Julio Alonso, pescador e patrón maior da confraría San Francisco. O mariñeiro tivo tanto olfacto como o seu can e pareceulle que a masa viscosa á que a súa mascota non paraba de ladrar podía dar xogo, así que lla levou a Iñaki Ferreiro, do centro de mergullo Illas Cíes, que á súa vez o puxo en coñecemento de expertos no medio mariño. Manuel E. Garci, biólogo encargado da Unidade de Mostraxe e Imaxe do Medio Marino do Instituto de Investigacións Mariñas, encargouse da insólita gravación e Roura, biólogo que traballa na mesma institución, tivo a sorte de asistir a ese momento excepcional que define, en canto á importancia científica do achado como «unha anécdota moi bonita, un agasallo que che fai o mar porque son bichos que non viven na ría nin na zona costeira de xeito habitual, só se se dan unhas condicións oceanográficas de ventos do sur que movan a auga oceánica e tes a sorte de que cho traian».

O especialista aclara que a especie «non é nova nin exótica nin a súa presenza é froito do quecemento global». O que si é certo é que «é moi curiosa porque a femia ten un modo de vida e un xeito de coidar ás súas crías que é única entre o grupo de animais aos que pertence que son os anfípodos. Emprega a outro organismo para aloxar e coidar os seus ovos. Esa é a parte chula de todo isto», relata.

Roura lembra que cando os mergulladores contactaron con Garci e chamoulle para dicirllo, «aluciné porque é o típico bicho que ves nos libros de texto e nos documentais pero non che imaxinas que vaia a aparecer ao lado da túa casa, porque o seu ambiente é a profundidade do océano. O biólogo xa coñecía á Phronima sedentaria mentres facía a súa tese sobre os polbos en mar aberto. «Faciamos lances a máis de 500 metros de profundidade fronte á costa galega e a de Marrocos buscando larvas de polbo e vímolos, pero non como a que chegou aquí dentro da súa casiña, nese tonel transparente coidando das crías que empezaron a eclosionar diante de nós. Foi moi bonito», resume o científico que engade que o parecido coa criatura de Alien que se lle atribúe ao animal mariño non é morfológico. Non se parece ao monstro do filme. «O que é parecido é o modo de vida en canto á crianza dunha criatura dentro dun organismo vivo alleo», aclara.   

A nai e as milimétricas larvas dos estraños crustáceos volveron ao seu medio. Soltáronos ao Atlántico e o científico agarda que atopen o seu camiño. «O seguimento é inviable, pero encantaríame», recoñece.

Roura, experto en zooplacton, está actualmente inmerso no proxecto Aquopus en colaboración coa armadora Pereira co obxectivo final a dous anos vista, de poder pór en marcha no futuro granxas de cría de polbos en catividade e encantaríalle que tivese a mesma repercusión mediática.