Lea en Río

Eduardo Rolland
Eduardo Rolland A BUJÍA

VIGO

09 feb 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Que trema o Rio de Janeiro co Entroido de Vigo, proclamou Abel Caballero en Fitur hai uns días. Tras cohibir a Nova York e Tokio coas luces de Nadal, agora tócalle a quenda á cidade máis emblemática do Brasil. Dentro dun par de semanas, as garotas de Ipanema desfilarán mortas de envexa polo sambódromo, desexando estar no Casco Vello vigués rodeadas de merdeiros. Por suposto, tamén venceremos en termos climáticos, porque onte o termómetro subiu en Copacabana ata os 31 graos, mentres que Samil gozaba duns refrescantes 12 de máxima. ¡Como para ir alí a pasar calor! E non esquezamos o abafo: Rio de Janeiro recibiu o ano pasado 4,9 millóns de visitantes na semana que durou a festa. Deles, 400.000 eran estranxeiros. A quen lle apetecería semellante aglomeración?

Así que ten razón o alcalde. Para nada foi esaxerado. E a proba é que a calquera nos ofrecen hoxe un billete de avión ao Brasil e unha semana no entroido con todos os gastos pagos… e unanimemente rexeitariámolo.

Ademais, Vigo xa ten case todo o que do Brasil póidase envexar. O monte Galiñeiro é o noso particular Pao de Açúcar. Mentres que Samil e O Vao son as nosas Ipanema e Copacabana. E, ademais, aquí temos Río sen saír da casa. Seica non se chama así una das bancadas do noso estadio de Balaídos? Por iso os vigueses imos a Río constantemente, aínda que este se refira ao Lagares e o espectáculo, máis que propio dun sambódromo, sexa ultimamente máis parecido a un funeral. Así pois: que trema Río. Quedamos en Vigo cos merdeiros.