«Cabodano» lembra os libros do Centro de Estudos Fotográficos

Ana Soler, Fran Herbello e Joan Fontcuberta fan aportacións a exposición


«Nun principios pensamos na idea de velorio, pero rematou desembocando nun cabodano porque xa desaparece a dor e agora quedaba a memoria», di Manuel Sendón para explicar a orixe da exposición Cabodano, que dende hoxe ata o 6 de abril estará na sala do Teatro Afundación que ten acceso pola rúa Reconquista.

A funesta conmemoración é a desaparición, hai tres anos, da liña editorial do Centro de Estudos Fotográficos (CEF), entidade que na década dos oitenta situou a Vigo no mapa mundial da fotografía a través da Fotobienal.

Manuel Sendón e Xosé Luís Suárez Canal convidaron aos fotógrafos Ana Soler, Fran Herbello e Joan Fontcuberta a traballar sobre os libros publicados, seguindo a liña do comisariado do CEF de darlle máis importancia á produción de proxectos que á recepción de obras. Ana Soler propuxo dúas instalacións a partir dos libros. Nunha recolle os anacos guillotinados das cubertas dalgúns exemplares para penduralos e conformar unha sutil composición que se mexe ao paso dos visitantes. A segunda obra é unha metáfora da proposta do Centro de Estudos Fotográficos. A partir dun cadaleito saen cara a unha nova vida, a modo de resurrección, as páxinas dos libros, que recorren parte da sala cara ao exterior.

Fran Herbello aporta trece imaxes feitas ad hoc para este proxecto, con fotografías nas que están presentes dun xeito moi simbólico algúns dos libros editados. Pola súa banda, Joan Fontcuberta propón unha brincadeira entre a primeira fotografía de libros, feita por Talbot, e os títulos editados polo CEF, rematando cun fake de ambos. Como complemento aos tres traballos, as paredes da sala acollen máis de mil páxinas pegadas do editado dende 1986.

A exposición permanecerá aberta ao público ata o 6 de abril, e dous días antes haberá unhas xornadas sobre os libros de fotografía nas que, ademais de analizar a experiencia do CEF, abordarase a situación actual convidando a participar aos editores do momento.

«Queremos que quen visite a exposición participe dela levándose cadanseu libro», explica Manuel Sendón. «Sempre nos interesou o diálogo entre os fotógrafos históricos e os contemporáneos, así como a comunicación entre os galegos e os de fóra», remata o fotógrafo.

Dende o ano 1986, no que publicou Emigración, de Manuel Ferrol, o Centro de Estudos Fotográficos iniciou un percorrido editorial ata o 2016 que deixou 44 publicacións e un enorme stock de libros. Agora, debido ás novas circunstancias, o CEF rematou a súa actividade editorial.

Entre os traballos publicados se atopan fotógrafos históricos, como Ramón Caamaño ou Pacheco; contemporáneos galegos, como Vari Caramés e Victoria Diehl; e tamén artistas internacionais, como Karen Knorr.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Vigo

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Cabodano» lembra os libros do Centro de Estudos Fotográficos