O Banco de Alimentos de Vigo busca 350 voluntarios para a gran recollida

La Voz

VIGO

M.MORALEJO

A cita desenvolverase os próximos 30 de novembro e 1 de decembro

20 novs 2018 . Actualizado ás 14:40 h.

O Banco de Alimentos de Vigo continúa cos preparativos da gran recollida solidaria dos próximos 30 de novembro e 1 de decembro. Na actualidade aínda buscan outros 350 voluntarios para participar nas actividades en Vigo, Pontevedra, Redondela, Val Miñor, Moaña, Porriño e Mos. Para participar hai que cubrir un formulario colgado na web da organización benéfica ou chamar ao 986263022. 

Os voluntarios deben estar dispostos para participar durante catro horas a favor das persoas máis desfavorecidas durante os días da recollida. O obxectivo é acadar os 2.000 colaboradores para realizar esta actividade con éxito, xa que é a de maior envergadura que organiza a ONG. 

O actor, humorista e deportista David Amor será o padriño deste ano, e non dubidou en animar á xente a participar durante o acto de presentación da cita, a semana pasada.  Os voluntarios recollerán alimentos en 155 superficies comerciais de toda a provincia. 

Labor solidario

Durante o ano 2017, a Fundación Provincial Banco de Alimentos repartiu 1,9 millóns de quilos de comida e nos seis primeiros meses deste 2018, entregáronse xa preto de 1,2 millóns de quilos de comida. A entidade apolítica e aconfesional dedica os seus esforzos a facer cumprir un dos dereitos humanos máis fundamentais: o acceso a unha alimentación suficiente, segura e saudable. Na actualidade, entrega axuda a uns 150 colectivos sociais que, á súa vez, distribúena ás 25.000 persoas desfavorecidas.