Despedida como guerreiras

Lorena García Calvo
Lorena G.C. VIGO / LA VOZ

VIGO

Tamara Alonso

O Guardés quedou ás portas de avanzar na Copa EHF

18 novs 2018 . Actualizado ás 21:43 h.

Coa cabeza alta pero con dor no corazón o Atlético Guardés despediuse de Europa. Non puido pór outra corte no seu historial continental ao caer 31-33 ante o Kuban ruso na volta da terceira rolda da Copa EHF, un partido ao que as locais entraron con demasiados nervios e que culminou coa máxima emoción. Porque tras ir perdendo ata de oito goles, a coraxe das de José Ignacio Prades permitiulles recortar distancias ata dispor dunha acción para colocarse a un gol, un tanto que tería empatado a eliminatoria, pero que non chegou a callar. Foi remar para morrer na beira.

Ao Guardés, xa curtido en mil batallas, puidéronlle os nervios no arranque do encontro. Comezou dubitativo, coa defensa como un flan e o ataque precipitado. O perfecto caldo de cultivo para que o potente Kuban cheirase o sangue e comezase a machucar con facilidade. As ucraínas marcaban con abraiante simplicidade, xusto o contrario que as anfitrioas, incapaces de abrir vías de auga nunha defensa cargada de quilos e de altura.

Aos once minutos Prades tivo que reclamar o seu primeiro tempo morto. O seu equipo perdía 5-8 e, o máis preocupante, se descosía. Pero o peor estaba por vir. Un parcial de 1-5 sacou as cores a un Guardés que estaba moi lonxe da súa mellor cara, que se precipitaba en ataque emperrándose unha e outra vez en perforar polo centro, e que sucumbía unha e outra vez aos ataques veloces do Kuban.

Prades volveu parar o partido e tomou cartas no asunto. Cambiou a unha defensa 5:1 con Sempere, que realizou un partido sobresaliente, no avanzando, e con Anthía Espiñeira na dirección, e o equipo comezou a funcionar. Fíxoo, en boa medida, polas paradas que unha soberbia Estela Carreira realizaba baixo paus. Pero aínda así, ao descanso chegouse 11-16.

O Guardés necesitaba reaccionar tras o paso por vestiarios, pero só puido ver como o Kuban marchábase ata un 13-21. Estela xurdiu de novo e o seu equipo, a base de insistir, conseguiu pórse catro abaixo no minuto 19. Mesmo dispuxo dun contragolpe para o 23-26, pero a precipitación impediuno. A partir de aí o choque foi un remar constante do Guardés, que a pesar do marcador non deixou de pelexar en ningún instante. O Kuban, vendo o partido no peto, rebaixou a intensidade e as de Prades, envorcadas nas tarefas ofensivas, fóronse a por todas arroupadas unha vez máis pola porteira.

A falta de cinco minutos o Guardés perdía de catro, pero entre Anthía e Paulina compraron billetes para a esperanza e colocaron o marcador 30-32 no minuto 58. O férreo adestrador ruso reclamou un tempo morto, ampliaron a un 30-33, pero Espiñeira forzou un penalti que Paulina converteu en gol. Foi entón cando Carreira obrou outra parada brutal, e as de Prades atopáronse cun ataque para o ansiado 32-33. Pero as guardesas enredáronse en exceso, estreláronse contra a muralla visitante e viron como o rival sentenciaba á contra. Un final doloroso para un Guardés ao que A Sangriña consolou ao berro de campioas.

Ficha técnica:

Guardés (31): Estela Carreira, Meriem Ezbida, África Sempere (6), Naiara Egózkue (3), Estela Doiro (6), Marta Méndez (1), Carmen Campos (5), Lorena Pérez (2), Sara Bravo (1), Alesia Kurchankova (1), Anthía Espiñeira (1), Paulina Buforn (5), Rosario Urban, Carla Gómez.

 Kuban: Davidenko, Samoilenko, Golub (7), Savinova (5), Garieva (6), Golikova, Kaplina, Matlashova (6), Bashkirova, Davletbaeva, Skorobogatchenko (2), Dudina (2), Barkalova (2), Frolova (3), Khristenko, Samarskaya.

Tenteador cada 5 min: 3-3, 5-6, 6-10, 7-13, 10-14, 11-16 (descanso); 13-20, 15-21, 18-2, 23-28, 27-31, 31-33 (final).

Árbitros e exclusións: Vesovic e Novica Mitrovic. Excluíron ás locais Egozkue, Sempere e Campos, e ás visitantes Golub, Golikova, Barkalova, Frolova e Garieva, descualificada no minuto 34.

Incidencias: Volta da terceira rolda da Copa EHF. A Sangriña, 750 espectadores.