Estaleiros Armada vaise ao Marco

La Voz

VIGO

Ramón Trigo e Eduardo Armada, tras doce meses no centro de traballo, mostran a súa obra

22 ene 2019 . Actualizado ás 18:15 h.

A arte contemporánea regresa ao Marco coa exposición Pantoque. Está situada na sala da planta baixa e poderase visitar ata o 31 marzo en horario de martes a sábados (festivos incluídos), de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00 horas, e domingos, de 11.00 a 14.30 horas.

É un proxecto creativo multidisciplinar, desenvolvido polo artista plástico Ramón Trigo e o fotógrafo e realizador audiovisual Eduardo Armada.A idea primigenia é a realización dun proxecto artístico de investigación baseado na confluencia de dous modos de narración que parten dunha mesma realidade compartida: explorar coa linguaxe plástica e visual sobre o tanxible, o espazo arquitectónico e o proceso de traballo dun estaleiro. A través da observación da actividade diaria e a relación do ser humano co feito construído e o mar, ambas as linguaxes interrelaciónanse na procura dun lugar común.

O espazo elixido é Estaleiros Armada. O proxecto parte da experimentación creativa sobre o espazo arquitectónico e o traballo dos operarios no estaleiro. En setembro de 2016, Ramón Trigo traslada o seu taller a Estaleiros Armada. Alí, durante doce meses conviviu cos traballadores reinterpretando a actividade do estaleiro tamizada pola súa visión plástica. Ao mesmo tempo, Eduardo Armada documenta en vídeo e fotografía toda a acción. Dúas formas visuais de narración onde a pintura suxire e o vídeo e a fotografía documentan.

Xunto ás obras en exposición -pintura, debuxo, escultura, fotografía, vídeo-, a mostra inclúe unha intervención de Ramón Trigo nun dos muros. Unha obra en proceso que se prolongará no tempo, con intervencións periódicas por parte do artista, desde a semana inaugural ata a data de clausura.