Unha viguesa indemnizará ao seu fillo de 13 anos con 1.500 euros por pegarlle

E.V.PITA VIGO / LA VOZ

VIGO

M. Moralejo

A nai e o seu noivo aceptaron un ano de cárcere por un delito de malos tratos habituais ao menor porque sacaba malas notas, comportábase mal e oía música rap

08 novs 2018 . Actualizado ás 00:15 h.

Unha nai viguesa e o seu noivo terán que indemnizar con 1.500 euros ao fillo dela, agora de 13 anos, por pegarlle. O acordo hase asinado esta mañá no Xulgado do Penal número 1 de Vigo a porta pechada. A parella acepta un ano de cárcere, a metade do que pedía o fiscal porque repararon o dano moral ao menor e ingresaron o diñeiro. O neno está agora baixo a custodia da avoa.

Os feitos remóntanse ao 2013, cando o neno tiña 8 anos e prolongouse durante 3 añor. A parella pegaba ao menor polo seu mal comportamento en casa ou polas súas malas notas escolares. Golpeábanlle con frecuencia causándolle lesións mediante tiróns de orellas e pelo, bofetones na cara e mesmo patadas. A consecuencia desas contusións, o neno faltou varios días ao colexio, o que alarmou aos seus profesores do curso 2014-2015. 

Os malos tratos continuaron un ano despois. O noivo da nai pegoulle na perna porque atopou unha letra dunha canción de rap na mochila do neno. Cinco días despois, deulle outro correctivo físico nas nádegas porque faltaba na hucha no medio dunha rifa familiar. Por estes dous delitos de malos tratos, o noivo aceptou hoxe un total de 60 xornadas de traballos comunitarios.

Ese mesmo día, o neno contoulle todo a un profesor e díxolle que tiña medo de volver a casa por temor a recibir unha malleira.

Desde hai ano e medio, suspendeuse preventivamente a custodia e garda da nai e confiouse o menor á súa avoa paterna.