As obras da estación do AVE deseñada por Thom Maine arrincarán o 5 de novembro

VIGO

Youtube

O Concello reestruturará o tráfico para evitar o paso de centos de camións polo centro urbano

20 oct 2018 . Actualizado ás 00:10 h.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou esta mañá que o próximo 5 de novembro arrincan as obras da estación do AVE , que inclúe un centro comercial, deseñada por Thom Maine. Así se determinou nunha recente reunión entre o Concello, Tráfico e a empresa Cetrus (antiga Inmochán). 

Este ambicioso proxecto que vai transformar un espazo estratéxico da cidade vai implicar unha remodelación profunda do tráfico para evitar o paso de miles de camións polo centro urbano ao longo dos próximos meses. As obras terán unha primeira fase na que se vai acometer a construción da estrutura do centro, que requirirá un prazo de dez meses.

O Concello permitirá durante este tempo o acceso de camións ata a vella estación de tren a través da AP 9. Retomarase a dobre dirección de entrada e saída da autoestrada para que os camións entren e saian por esta dobre calzada.

En segundo lugar, vaise alterar o tráfico habilitando Vía Norte para depositar e transportar unhas vigas de gran tamaño que teñen que soportar a estrutura da estación. A partir de que se faga esta estrutura, o Concello iniciará os accesos, que inclúen un túnel de saía á autoestrada desde a rúa Lepanto. Trátase dunha obra que vai licitar o Concello e que conta cun orzamento de 10,7 millóns de euros. Adif paga 6,6, o Concello 2,3 e a Xunta paga a parte restante, corresponde á estación de autobuses.