Tirán e Samertolomeu, a dar a sorpresa en Donosti

La Voz VIGO / LA VOZ

DEPORTES

KOPA

Haberá unha dura pelexa pola sétima praza para a final, ao haber seis claras favoritas

30 ago 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A histórica Bandeira da Concha celebra hoxe a súa regata clasificatoria coa presenza das dúas traiñeiras moañesas, aínda que en situacións distintas. Tirán chega tras consumar o seu descenso de ACT, mentres que Samertolomeu loitará polo ascenso.

O Mar do Con leva desde o luns en San Sebastián preparando a proba, xa co descenso consumado pero coa intención de manter as boas sensacións que lle levaron a quedar a un só punto de San Xoán na Bandeira de Boiro.

A priori, as seis primeiras clasificadas da Liga ACT (Bermeo, Hondarribia, Zierbena, Orio, Santurtzi e Cabo) mostraron unha superioridade e regularidade claras, o que lles valería para acompañar a Donostiarra nas augas da baía, quedando un só billete na clasificatoria.

Ondarroa, San Pedro, Kaiku e Lekittarra (subcampioa de ARC-1) xogaríanse esa praza contra San Xoán e Tirán, quen foron inferiores durante a Liga ACT, pero agardan dar a sorpresa na competición.

Dentro do grupo B tamén estará presente Samertolomeu de Meira, quen xa pensa no play-off de ascenso tras proclamarse campións da Liga Galega a pasada fin de semana. A primeira clasificatoria terá lugar hoxe ás 18 horas, mentres que as dous finais se celebrarán os dous próximos domingos desde as 12 horas.

Igualdade en premios

Un dos aspectos máis destacables da Bandeira da Concha é que por primeira vez os premios serán igualitarios. Os gañadores en categoría masculina e feminina levarán 24.000€, mentres que en edicións anteriores elas percibían ata 9.000 menos en premios. A proba feminina naceu en 2008 e ha ir aumentando o importe ás súas gañadoras.