Ribeiras do Morrazo, un viño «oceánico» que se lanza a por o recoñecemento social

Serxio Barral Álvarez
Serxio Barral PONTEVEDRA / LA VOZ

VIGO

emilio moldes

A Indicación Xeográfica Protexida lanza unha campaña promocional baixo o lema «Que hai nesta botella?»

17 ago 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Se unha agrupación de colleiteiros, adegueiros e viticultores pon en marcha unha campaña promocional baixo o lema Que hai nesta botella?, a resposta parecería obvia: un viño de tales ou cales características. Pero tratándose da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ribeiras do Morrazo, a resposta non é tan simple. Neste caso, a botella contén moito máis: «Un territorio vivo, unha paisaxe cultural, sustentabilidade e economía local, un viño fresco e oceánico... de calidade».

Dentro da botella de Ribeiras do Morrazo hai aínda máis cousas, segundo indicou onte o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que é o presidente do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Pontevedra-Morrazo, cuxo respaldo foi clave para lograr a IXP. «Hai desenvolvemento rural, hai un proxecto de fixación de poboación, hai potencialidade, hai unha viticultura de calidade e hai futuro», sinalou.

Responsables do GDR, da IXP e da Xunta presentaron onte a campaña de promoción, que pretende «o recoñecemento social» dos viños de Ribeiras do Morrazo nun dobre sentido: dinamizar a viticultura nos oito municipios que forman parte da IXP e situar os viños de cara ao mercado.