O Carballal pon no seu lugar a cabaza

La Voz

VIGO

Óscar Vazquez

A asociación cultural O Coto celebra a 34 edición desta festa en Cabral

19 novs 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

É unha das citas gastronómicas principais do outono vigués. A Asociación Cultural O Coto empezou hai 34 anos, no Colexio Público Carballal de Cabral, unha festa co obxectivo de exaltar as virtudes da cabaza coa finalidade de recuperar un cultivo que fose importante na zona. Ao mesmo tempo, quixeron recoller e difundir todas aquelas tradicións culinarias aparelladas á cabaza.

Hoxe, nese mesmo escenario a partir das 11.00 horas, sucederanse unha serie de actividades acompañadas da degustación das distintas formas de cociñar esta cucurbitácea. O pregoeiro deste ano é o director de cine e teatro, e actor Lois Blanco Araúxo. Antes e despois o espazo feiral contará cunha banda sonora protagonizada polo grupo de gaitas Xestarega, do Coto; o grupo Arume, de Guizán; e o grupo de gaitas A Canaca.

O panorama musical da tarde terá máis ingredientes ao contar coa participación do grupo folclórico Os Catro Quintos, a banda de gaitas do Casco Vello, o orfeón popular O Coto, a escola de baile tradicional do Coto e a escola de gaitas e percusión Miudiño.

Quen se achegue ata o colexio de Cabral poderá optar entre múltiples formas de preparar a cabaza. Haberá caldos, marmeladas, pan, galegas, sobremesas, empanadas e pasteis. Tan variada exposición será elaborada de forma artesanal polos voluntarios da propia asociación. Algúns dos pratos a degustar serán repartidos de forma gratuíta, mentres que outros poderán ser adquiridos a prezos populares.

Á marxe das degustacións culinarias, os visitantes tamén poderán visitar unha mostra de artesanía e unha exposición sobre a historia da Festa do Cabazo na que se poderá contemplar o proceso de cultivo, recollida e elaboración que culmina coa degustación da cabaza nesta popular festa.