David Chapela: «Gozo xogando no Cangas, sendo eu mesmo»

La Voz VIGO

VIGO

Cedida

O xogador foi determinante na vitoria do sábado

17 oct 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Asegura David Chapela que a experiencia que está a vivir no Balonmán Cangas pouco ten que ver coa tempada en Asobal que experimentou hai dous anos defendendo as cores do Teucro, o club no que se formou e fraguou un nome. Agora, di, está a gozar máis. «As sensacións son moi distintas. Creo que a nivel de confianza o que teño este ano co Cangas é o que vivín o ano pasado co Cisne, dista do que tiven no Teucro, no que tiña outro rol», razoa o central dous días despois de rebentar a portería do Cuenca con oito goles que alimentaron a remontada e a vitoria do seu equipo.

Chapela adaptouse á carreira ao Balonmán Cangas, á súa xente e á súa forma de xogar. «Gózoo moito, soltándome, sendo eu mesmo, faime pasalo ben e facelo mellor», explica o xogador, que cre que a clave da súa integración é que chegaba a un equipo feito. A pesar de que Pillo quedou sen homes importantes no verán e de que o club tivo que acudir ao mercado, as grandes liñas xa estaban marcadas. «Non houbo grandes cambios e iso beneficioume. Era eu o que tiña que amoldarme ao grupo e non dar forma a todo o equipo».

A priori, o papel de Chapela non era sinxelo. Chegaba para xogar no posto de central que David García, coa súa marcha a Francia, deixara orfo. Desde o primeiro momento quedou claro que o balonmán do de Bueu e do exteucrista non tiñan nada que ver, pero cabía a posibilidade de que Chapela acusase unha presión engadida que, asegura, non lle afectou. «Creo que David García é unha icona do Cangas, así que era imposible substituílo. O seu xogo e o meu son moi distintos, polo que en ningún momento percibín máis presión por sentir que eu era o seu substituto. Eu non podía vir suplirlle, así que me evadín desa idea», conta o hoxe central do Cangas.

Un traballo flexible

David Chapela atopou no Balonmán Cangas e nas directrices de Pillo liberdade para o seu xogo. O adestrador, experto en sacar un rendemento enorme aos seus xogadores, só lle marca as pautas. «Dime que me solte máis se teño ocasións de lanzamento, que tire máis, pero dáme bastante liberdade, dinos que xoguemos sen medo». En Asobal, Chapela ten a oportunidade de facer un balonmán moi similar ao que practicaba a campaña pasada no Cisne, e iso é un vantaxe, aínda que o cambio de categoría é obvio.

«Estou a intentar facer o que fixen o ano pasado, que é polo que me trouxo o Cangas, pero teño que evolucionar no xogo porque a categoría é superior e con xente ao meu lado como a que teño e con Pillo como técnico, ten que notarse». Do seu paso atrás fai dúas campañas, cando renunciou a seguir no Teucro para irse ao Cisne, non se arrepinte. Ao contrario. Volveríao facer. «Foi unha das mellores decisións que tomei na miña vida. Goceino e débolles moito. Grazas a eles estou aquí».