A vella matriz de Pescanova conxúrase contra os novos donos do grupo

VIGO

M.MORALEJO

Os accionistas referendan a fronte xudicial en marcha para recuperar o peso perdido na pesqueira

20 sep 2017 . Actualizado ás 00:48 h.

A vella matriz de Pescanova recibiu o visto e prace dos seus accionistas para levar adiante unha fronte xudicial contra os novos donos do grupo Nova Pescanova (a banca acredora), co que buscan recuperar o peso perdido dean a corporación.

A xunta xeral de accionistas de Pescanova SA celebrada esta mañá en Redondela apenas contou coa presenza (ou representación) do 8 % dos seus propietarios, pero foi suficiente para sacar adiante todos os puntos da orde do día. Os máis relevantes, os que fan mención ás demandas xa presentadas nos xulgados contra Nova Pescanova pola ampliación de capital levada a cabo, que diluíu o peso da vella matriz ao 1,7 % dentro da nova corporación, cando no momento da segregación era titular do 20 % das accións. A sociedade tamén dará a batalla nos xulgados para recuperar o posto perdido no consello de administración da Pescanova dos bancos (quedou cun só conselleiro, dos dous que tiña).

A preguntas dos accionistas, a vella matriz confirmou a súa intención de deixar de ser unha sociedade de carteira para volver á actividade investidora e produtiva no medio ou longo prazo. «Imos tentear e analizar investimentos no sector pesqueiro, para facer que no futuro sexa unha fonte de ingresos, á marxe de Nova Pescanova», avanzou a sociedade.

A escasa participación na xunta botou por terra as expectativas de coñecer a identidade dos novos socios de Pescanova SA que se apropiaron dos títulos vendidos polos que durante os dous últimos anos foron accionistas de referencia, como Carolina Masaveo, o fondo Broadbill ou o grupo Damm. A vella sociedade segue pois sen coñecer quen está detras da maior parte dos seus 28 millóns de accións.