2-0 | Ale Serrano sácase da chistera outro triunfo para As nosas

La Voz A Coruña

DÉPOR FEMININO

RC Deportivo

Un dobrete da valenciana dobregou a un AEM ilerdense que tivo ocasións moi claras na primeira metade

17 oct 2021 . Actualizado ás 15:54 h.

Xusto cando o partido se complicou, co Deportivo atrancado en ataque e o rival facendo dano coas súas rápidas transicións tras roubo, apareceu Ale Serrano e deulle outra vitoria ao Deportivo feminino en Reto Iberdrola. A valenciana marcou dúas tantos, o primeiro xusto ao fío do descanso e o segundo á volta do intermedio, e enviou á lona a un AEM de Lleida (2-0) que ofreceu unha boa imaxe en Abegondo.

O equipo de Miguel Llorente tivo o balón e levou o peso do partido, pero faltáballe profundidade para facer dano ao rival. O cadro catalán, ademais, presionaba ben a saída de balón local e aproveitaba cada erro para chegar con perigo en rápidas transicións ofensivas. Astudillo estrelou un balón en traveseiro e Gómez atopouse cunha sensacional Ana Vales, que meteu unha gran man abaixo para desviar un bo tiro cruzado.

A primeira metade pechouse cunha obra de arte. Ale Serrano parou un balón en tres cuarto de campo coa espuela e acto seguido golpeou moi duro ao esférico e bateu por alto a Laura.

Na continuación, a mesma protagonista encargouse de facer o segundo, aínda que neste caso con menor mérito persoal. Medio gol é de Laura Fernández, que se marchou por banda dereita con moita calidade e cedeulle o balón á valenciana, ante a saída da meta visitante, para que asinase o seu dobrete.

A diferenza da primeira metade, o Deportivo controlou ben o partido na recta final e selou sen apuros a vitoria. Mesmo Adule tivo o terceiro á saída dun córner. Andrea Sierra debutou no tramo final, tras recuperarse da súa lesión. Victoria , para seguir segundas.

Ficha do partido

 DEPORTIVO: Ana Vales, Cris (Andrea Sierra , min 90), Raquel García, Inés Altamira, Goretti (Patri López, min 90), Jone Ibáñez (Eva Deus, min 71), Paula Gutiérrez, Ainhoa Marín, Laura Fernández (Carlota, min 60), María Ruiz e Ale Serrano (Adule, min 71).

 AEM: Laura, Beltrán (Mirou, min 62), Barbii, Iris, Pixu, Natalia, Dulce , Astudillo, Gómez (Marta, min 89), Taber (Alexia Jr., min 62) e Lisa (Caroline, min 75).

GOLES: 1-0, min 45: Ale Serrano; 2-0, min 53: Ale Serrano.

ÁRBITRO: García Gómez. Sen amoestacións.