O Dépor remata con cinco anos de hexemonía do Real Oviedo

Iván Antelo REDACCIÓN

DÉPOR FEMININO

O cadro astur levaba un lustro sen perder en 2ª, demostrando ser o mellor equipo do noroeste español

19 novs 2017 . Actualizado ás 16:23 h.

Desde o 2012 non perdía o Real Oviedo un encontro de liga de Segunda División. Un lustro de incontestable hexemonía sobre o noroeste peninsular. Porque nin sequera A Oliveira, o mellor equipo galego da última década, puido gañarlle os seus duelos nos tempos recentes. As viguesas lograron o ascenso e xogaron varios play offs os anos que as asturianas estaban na máxima categoría.

De aí a importancia do triunfo do Dépor no Díaz Vega (0-1). Moito máis alá de que permita ás coruñesas acadar o liderado e ademais dar un paso de xigante na loita por xogar a súa primeira fase de ascenso á máxima categoría do fútbol feminino español. É o símbolo do cambio de tendencia. O aviso de que o azul e branco xa está preparado para dominar e ser a referencia do noroeste español.

O Oviedo chegaba á cita con pleno de vitorias (9 de 9) e o Dépor transmitía mellores sensacións (cunha media de goles superior aos sete por partido), pero permitiuse o luxo de tropezar en Monte (2-2). Os dous tiñan marcado en vermello este envite e sabían da importancia que implicaba superar ao adversario deportivo.

Talvez por iso viuse un partido con menos brillo do que se supón pola clasificación. Había moito medo a equivocarse. Moita tensión, poucas ocasións e demasiado respecto. Sería un centro-chute de Peke, a dez minutos de chegar ao descanso, o que desnivelaría a contenda. Tras o descanso, a presión recaía sobre o cadro local, obrigado a expor máis se quería entrar no partido. Pero tamén o Dépor tivo as súas ocasións como unha de Peke no minuto 71.

A numerosa afección deportivista desprazada a Oviedo estalou de alegría no minuto 93 cando o colexiado Nicolás Mariñeiro Noval sinalou o final. Foi a celebración que marca o principio dunha nova era, a do Dépor.

Ficha do partido

Real Oviedo: Cheza, Celia, Carmen, María, Iglesias (Yani, min 58), Érika (Paula, min 65), Henar, Yoli (Cienfu, min 68), Laura, Clo (Seila, min 65) e Isina.

 Deportivo: Malena; Cris, Laura, Miriam, Patri; Tere, Iris, Lea (Nuria, min 74); Kika (Cris Oreiro, min 61), Gaby (Sara do Estal, min 85) e Peke (Silivia Mérida, min 91).

Gol: 0-1, min 35: Peke.

Árbitro: Nicolás Mariñeiro Noval (colexio asturiano). Amoestou á xogadora visitante Tere.

Incidencias: duelo da xornada 10 de Segunda feminina celebrado no Manuel Díaz Vega de Oviedo.