O canteirán Luis Fernández ficha polo UCAM Murcia

Efe

CANTEIRA

GONZALO BARRAL

O dianteiro de Burela, que a pasada tempada militou no Fabril volve á entidade murciana

31 jul 2018 . Actualizado ás 22:12 h.

O UCAM Murcia Club de Fútbol recuperou para o seu persoal a Luis Fernández, dianteiro galego de 24 anos que xa estivo na entidade universitaria na campaña 2016/2017 e que sufriu unha grave lesión de xeonllo vestindo a elástica azuldorada.

Luis Fernández Teijeiro, nacido na localidade lucense de Burela o 27 de setembro de 1993, chega procedente do Fabril, filial do Deportivo, conxunto que disputou a fase de ascenso á Liga 1/2/3 e co que el marcou cinco goles en 12 partidos durante o pasado curso.

Este futbolista polivalente para o ataque, que pode actuar como dianteiro, como segundo dianteiro e por ambas as bandas, militou no UCAM CF fai un par de campañas cando o cadro murciano competía na categoría de prata. Trátase dun xogador que comezou a súa carreira e o Ural e pronto chamou a atención do Deportivo, que se fixo cos seus servizos sendo xuvenil.

Luis Fernández debutou co Depor en Segunda no exercicio 2013/2014 tras ter marcado 21 goles en 26 partidos co filial. En 2014 ascendeu a Primeira co Deportivo ás ordes de Fernando Vázquez e posteriormente militou no Lugo, no Huesca, no Alcorcón e no UCAM, no que recalou en xaneiro de 2017 durante o mercado de inverno, pero tras unha grave lesión, a rotura do ligamento cruzado anterior dunha dos seus xeonllos, volveu á Coruña para agora retornar a Murcia.

Esta fichaxe é o oitavo que realiza o UCAM CF este verán e súmase aos dos defensas Cristian Galas, Adán Gurdiel, Migue García e Antonio Amaya, aos dos centrocampistas Toni Arranz e Javi Rey e ao do dianteiro José Antonio Belmonte «Titi».