Falta Rubén Díez, pero salvo Lucas, ningún xogador é insubstituíble

Paco Liaño

TORRE DE MARATHÓN

César Quian

07 feb 2023 . Actualizado ás 17:35 h.

É certo que Rubén Díez foi moi importante nas formulacións do adestrador. Pero a min, analizándoo só a través dos partidos que xogou, paréceme perfectamente sustituible. E, sobre todo, de cara a un compromiso a domicilio, onde non é un xogador que destaque pola súa capacidade destrutiva. O seu rendemento é o dun máis do persoal, e non o vexo por amais doutros. A súa ausencia obrigada ata pode supor un alivio para o propio Óscar Cano, que poderá non ser tan refén das súas palabras, e dar minutos a outros, como Isi Gómez ou Mario Soriano, que, se non, teñen máis complicado volver ao once. Non desprezo a Rubén, senón que o considero un xogador máis e que non está tan lonxe das prestacións doutros. O día que teña que descansar Lucas seguramente todos o botaremos en falta. Pero, ollo, porque cando foi baixa Mackay, entendín que si que podía ser preocupante, pero ao final Sousa supliuno perfectamente.

Quixen buscar en moitos partidos esas virtudes para o xogo ofensivo que Cano pregoa de Díez, pero non vin a diferenza con outros. A día de hoxe son máis importantes no mediocampo Olabe e Villares pola enerxía que achegan ao presionar e roubar, que o que os acompaña. Ademais, fóra de casa o equipo necesita o impulso que levamos tempo reclamando, así que moitas veces a ausencia dun e a entrada doutro fai que funcionen novas sinerxías.

Eu intentaría que o Deportivo como visitante se pareza ao que xoga en Riazor. Este ano non é tan importante o escenario, e, ademais, o persoal non dá para un xogo defensivo. Non hai ese tipo de xogadores. Intentaría saír coa mesma predisposición de casa, e tratar de manter ese xogo moito no tempo. Ten que ser máis duradeira a intención de dominar. Non queda outro remedio ao Deportivo que xogar así, porque é o rol dos seus futbolistas, algo que non se cambiou no mercado de inverno. Todos os recentemente chegados xogaron xa, salvo Arturo, e os que se incorporaron non veñen para gañar contundencia defensiva. Sobre todo chegaron para tapar carencias e buscar profundidade por banda. Con todo, ata agora nin Saverio nin Lebedenko demostrárona.