O establecemento de obxectivos no deporte

José Velo

TORRE DE MARATHÓN

CESAR TOIMIL

06 dic 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

A motivación, o nivel de activación, a autoconfianza e a concentración son variables que inflúen decisivamente no rendemento deportivo. Un adestrador ten que estar alimentando a motivación dos seus xogadores para que sexa estable, positiva e duradeira. Pero unha motivación demasiado alta, se se escapa ao control dos xogadores, xera un exceso de motivación que vai provocar un baixo rendemento deportivo, é dicir, un efecto contrario ao que se busca. O máis acertado para conseguir os obxectivos establecidos a principio de tempada son:

1.- Fixar un obxectivo realista pero desafiante, que supoña un reto.

2.- Elaborar unha lista de aspectos positivos que se conseguirán se se logra o obxectivo.

3.- Recrearse mentalmente unha imaxe visual positiva do proceso e o resultado, que motive para seguir avanzando no obxectivo.

4.- Paciencia. Nos momentos malos ou regulares hai que ter en conta que é normal que non sempre todo vai saír perfecto e seguir loitando polo obxectivo sendo autocríticos.

5.- Fixar metas a curto, medio e longo prazo (que aumentan a motivación e a autoconfianza) para seguir camiñando cara ao obxectivo final, pondo data ás metas, que servirán ao mesmo tempo de feedback .

6.- Convén lembrar diariamente o que se quere conseguir, marcando pequenos pasos, póndoos en práctica e cumpríndoos, para así acadar a meta final.

7.- Traballar a cohesión grupal todas as semanas.

Todo isto axudará a rebaixar o nivel de inquedanza se é alto, e ao manexo equilibrado das emocións, tanto positivas como negativas nun equipo, tendo tamén moita importancia o tipo de liderado que manexe o adestrador, o apoio dos medios de comunicación e da afección, sendo todos conscientes que un ascenso é tarefa difícil, pero non imposible e que a competición é moi longa.

Afortunadamente, os días malos tamén duran 24 horas e, xa que logo, hai que levantar a cabeza e mirar ao próximo partido desde a humildade e a autocrítica. Por sorte, o Deportivo fichou un bo persoal e técnicos moi preparados, dispón duns medios de comunicación sensatos e, especialmente, ten unha afección fiel e espectacular, o cal lle vai proporcionar moitos puntos extras.

José Velo é profesor titular de Psicoloxía da Escola Galega de Adestradores de Fútbol. Adestrador nacional de fútbol nivel 3.