Pequena decepción do Deportivo nunha xornada que parecía propicia

Paco Liaño

TORRE DE MARATHÓN

CÉSAR QUIAN

28 novs 2021 . Actualizado ás 20:00 h.

O partido contra o Bilbao Athletic supón unha pequena decepción porque interrompe un pouco a boa dinámica e faino nunha xornada que parecía moi propicia para pegar un acelerón na táboa.

O encontro en si non foi demasiado vistoso, especialmente nunha primeira parte na que o Deportivo gozou da posesión e soubo controlar o xogo, pero acusou a falta de profundidade. Practicamente non houbo disparos a porta neses 45 minutos e o equipo non conseguiu atopar o ritmo propicio no movemento de balón para xerar espazos.

É certo que a iso se lle suman un par de accións arbitrais negativas, especialmente no que foi un claro penalti a Álex Bergantiños e que tería permitido aos de Borja Jiménez pórse por diante, cambiando moito o escenario do encontro, Aínda así, isto non é suficiente desculpa para unha discreta actuación á que tampouco hai que sacar máis punta.

Ao técnico pódeselle achacar que tardou demasiado en mover o banco en busca de maior profundidade. Máis, tendo en conta que o adversario estaba ben controlado. O Bilbao Athletic é agora mesmo un conxunto bastante frouxo que saíu de Riazor co empate que foi buscar.

No terreo individual, a novidade estivo na aparición de Miúdo entre os titulares. Mentres permaneceu no campo, el encargouse de executar todas as accións de estratexia, que foron moitas, aínda que o Dépor non logrou provocar ocasións claras a través delas. Colaborou á hora de ter balón, pero se se compara o seu impacto coa profundidade que che dá William en partidos pechados, coa súa faísca e desborde... Talvez Miúdo non saia reforzado despois do visto.

Foi rechamante novamente a achega dos laterais, propia deste Dépor ao que sempre lle corresponde a iniciativa. As súas incorporacións están ben compensadas por quen quedan atrás e volveuse a ver moito a Álex, con excesivo protagonismo no inicio de xogada. Talvez nesta ocasión non tería sido tan necesario, fronte a un adversario extremadamente replegado.

Tras o 0-1 viuse polo menos a un Deportivo capaz de axitar o encontro e de atopar o gol que rebaixase un pouco o nivel de decepción.