Catro partidos para pechar o ano no máis alto da OK Liga

TORRE DE MARATHÓN

MARCOS MÍGUEZ

O Liceo retoma a competición ante o Caldes tras un mes de parón

27 novs 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Un mes despois, a OK Liga volve ao ataque. Tras o parón pola disputa do Europeo de seleccións que obrigou a facer unha paréntese, o campionato regular volve á pista. O Deportivo Liceo visita hoxe a sempre complicada pista do Caldes (20 horas, Hockey Global). Será o primeiro dos catro encontros que lle restan ao conxunto dirixido por Juan Copa antes de pór fin ao 2021. A primeira batalla será ante o conxunto barcelonés.

Con poucos días para adestrar co persoal ao completo, o técnico coruñés mostrouse con ganas de volver competir de novo. «A actitude dos mozos foi moi boa todos estes días», afirma Copa, á vez que asegura que, tras un mes sen competición «seguramente será unha xornada complicada para todos os equipos». Iso si, o obxectivo é claro: «Seguir sumando de tres», sentencia o técnico na previa do partido.

Ante o Caldes, Juan Copa non poderá contar co Maxi Oruste. O xogador arxentino, con problemas na pube, non poderá ser da partida e no seu lugar estará o canteirán e habitual nos adestramentos do primeiro equipo, Nanu Castro.

Baixo a premisa de anotarse unha nova vitoria, o conxunto verdibranco encara a xornada 9 da OK Liga fronte un rival que encadea dúas vitorias consecutivas. O Caldes ocupa a oitava praza tras un inicio irregular que lle fixo pisar os postos de descenso.

Ante si, unha nova oportunidade para o Liceo de recortar distancias a un Barça que recibe ao Noia minguado polas baixas. O conxunto azulgrana non poderá contar para este partido co coruñés Ignacio Alabart, nin cos portugueses Joãou Rodríguez e Helder Nunes, os tres xogadores deron positivo por covid ao seu regreso do europeo. Unha situación que podería deixar ao Deportivo Liceo a tan só dous puntos dos cataláns en caso de vitoria verdibranca e derrota azulgrana.

Palafruguell, Alcobendas e Noia son os encontros que lle restan ao Deportivo Liceo antes de pór fin a un ano no que a Copa do Rey e a Supercopa coroaron o traballo do persoal.