Quiles e Miku, números de ascenso

TORRE DE MARATHÓN

Jorge Roupeiro

22 novs 2021 . Actualizado ás 20:24 h.

Hai unha máxima no fútbol, que logo pode ter matices, pero que incide en que os partidos se gañan nas dúas áreas. Está claro que poucos conseguiron triunfar sen un mediocentro que saiba, polo menos, pasarlla ao de ao lado. Pero, por pura lóxica, se encaixas pouco e marcas moito, acabas sumando puntos.

O Dépor está ao conseguir. Salvo infortunios como o que sufriu no Cerro do Espino Lapeña, cuxo despexe rebotó en Jaime e coouse na meta branquiazul, e algún partido malo, a solidez defensiva branquiazul está fóra de toda dúbida. E cando as diferentes liñas non son capaces de tapar as acometidas rivais, aparece Ian Mackay para parar todo o parable e algúns dos balóns que parecían non selo.

Esa solidez, por si, xa garante moitos empates. Pero, ademais, este Dépor ten pólvora arriba. Non é un equipo irresistible que vaia a gañar todos os partidos por 5-0, pero conta coa que talvez sexa a mellor parella de dianteiros da categoría: Quiles e Miku.

Logo Borja poderá pólos onde queira. Que un caia a banda, que o outro entre desde máis atrás ou formando xuntos nun 4-4-2. Pero son os dous grandes referentes ofensivos e están a facer números de ascenso.

Historicamente, son moitos os anos nos que se conseguía ser campión da antiga Segunda División B facendo unha media de 50 goles. Entre o onubense e o venezolano levan once dianas a estas alturas de campionato, tras ter disputado 12 partidos (van 13 xornadas, pero un duelo non se xogou por incomparecencia do Estremadura). Se facemos esa proxección a data 38, dános que ambos marcarían ao redor de 35. Obviamente, o fútbol non é aritmética e non teñen por que chegar a esa cifra. Pero, salvo algún indesexable contratempo, si que parece moi probable que poidan superar os 25. Con este rexistro, a seguridade atrás e a achega da segunda liña e dun Noel que xa demostrou que tamén as sabe enchufar, os setenta e pico puntos que Borja aspira a sumar para ser campión parecen máis preto. Pero, claro, aínda estamos en novembro e queda moito que remar.