A tea de araña de Borja e a lección de Quiles

TORRE DE MARATHÓN

LOF

08 novs 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Transcorridas once xornadas, custa recoñecer a un equipo superior ao Deportivo, polo menos no seu grupo de Primeira RFEF. Nas Gaunas, exhibiu unha solvencia propia dun conxunto campión. Para os afeccionados rioxanos resultou ata odioso comprobar como era imposible meterlle man a un equipo aguerrido, que apenas concedeu opcións de ataque. Deu a impresión de que a UD Logroñés non ía ser capaz de marcarlle ao Dépor, nin xogando tres horas.

Seguramente a un afeccionado neutral non lle namorou o envite, lento por momentos. Os coruñeses xogaron con Álex Bergantiños incrustado entre os centrais (inconmensurables Lapeña e Jaime) e Diego Villares deu un recital de coberturas e apoios. Os branquivermellos, cunha das mellores duplas ofensivas da competición [Dubasin e Guarrotxena], enredáronse na tea de araña tecida por Borja Jiménez na medular. O Dépor saltou ás Gaunas sen temor a defender nun bloque medio-baixo cando non tiña o control do balón; e a sobalo con paciencia cando dispuña del. Así foi como conseguiu que pasasen moi poucas cousas na primeira metade ata o gol de Miku, unha bendición. O 0-1 foi reafirmar unha idea de fútbol rochoso, que afundiu animicamente á UD Logroñés.

A segunda lección deportivista no partido chegou coa entrada de Alberto Quiles ao pouco de renovarse o duelo. O onubense, que perdeu a titularidade, saíu desde o banco moi enchufado e conseguiu imantar o balón á súa bota, co desafogo que iso supuxo para os seus compañeiros. Non é doado reporse dun golpe como o de pasar de estrela a prescindible; e facelo coa personalidade de pedir o balón continuamente, conservándoo ademais coa clase que o fixo.

O das Gaunas foi a confirmación dunha solvencia que se estende xa a oito encontros con Mackay deixando a súa portería a cero. Dos outros tres partidos xogados, o accidente contra a SD Logroñés (gol encaixado no 94 tras dominar), o inexplicable de Irún (derrota inmerecida, con dúas tantos encaixados en dous tiros a porta locais) e o descontrol de Salamanca, o único verdadeiro borrón dun Dépor que, con luces ou con sombras, pode presumir de equipo.