«Moneyball»

Nacho Álvarez

TORRE DE MARATHÓN

CESAR QUIAN

11 jun 2021 . Actualizado ás 22:28 h.

Hai unhas semanas, o Deportivo anunciou a incorporación de Nacho Lourido para ocupar o posto de director do recentemente creado departamento de teconología e analítica. Quizais a algunhas persoas este nomeamento estrañoulles, pero trátase dun movemento intelixente que pode servir ao Deportivo para atopar novas fórmulas de crecemento.

Moneyball é unha película cuxo argumento trata dun ficticio equipo de béisbol americano envolto nunha grave crise económica, que decide empregar a estatística para mellorar o rendemento dos seus xogadores e finalmente remata acadando grandes éxitos deportivos.

O recente nomeamento de Nacho Lourido como director do recentemente creado departamento de «tecnoloxía analítica e deportiva» é unha excelente noticia e pon en valor a chamada profesionalización de todas as áreas do club, utilizando de xeito creativo os poucos recursos económicos dos que dispón a entidade nestes momentos.

Talvez moitas persoas lectoras non rematen de ver o valor de incorporar unha persoa cun perfil profesional como o de Nacho Lourido.

O impacto dos algoritmos na toma de decisións é unha práctica común no día de hoxe tanto no ámbito empresarial como, aínda que non sexamos conscientes, no persoal; nas suxestións da música que nos pode gustar que nos fan aplicacións como Spotify, contas ás que seguir en redes sociais como Instagram ou Facebook, ou a publicidade que nos pode aparecer na pantalla do noso móbil despois de visitar a web dunha cadea de roupa ou electrodomésticos, por que ía ser o deporte e máis concretamente o fútbol alleo a esta revolución?

A NBA e o béisbol levan anos utilizando a ferramenta do big data, para planificar partidos con bastante éxito. O fútbol foi bastante máis reticente a utilizar esta metodoloxía, destacando a Rafa Benitez como o primeiro adestrador de fútbol profesional que empezou a empregala con evidentes éxitos deportivos e económicos para o Valencia e o Liverpool.

Para un club como o Deportivo, a implantación desta metodoloxía de traballo pode supor unha revolución que optimice os escasos recursos económicos e axude a fichar a un xogador no canto doutro en función do estilo de xogo que poida ter o adestrador, ou a expor os partidos facendo especial fincapé nos xogadores. Non tanto no xeito de xogar, senón nas veces que o xogador do equipo rival ao que toque defender ou que xogue pola súa área de influencia fai as xogada cun recorte cara á dereita ou a esquerda, ou a súa tendencia a asociarse cun determinado compañeiro tendo controladas variables tales como o tramo de partido no que máis adoita facelo, a traxectoria que adoita tomar unha vez pasa a pelota, o momento do partido onde acada un maior rendemento físico ou onde se adoita situar na área pequena á hora de defender un saque de esquina.

A posibilidade de obter datos ben estruturados en tempo real permitirán ao corpo técnico analizar e optimizar o desempeño dos seus xogadores e traballar con eles a toma de decisións futuras no campo. Tamén planificar os cambios en función de variables da denominada estatística avanzada, máis aló do marcador.

Pero a utilización da denominada intelixencia artificial non só se cingue ao campo de xogo. Demostrou ser tremendamente útil na prevención de lesións, unha área na que o Deportivo sin duda ten unha ampla marxe de mellora, xa que permite levar a cabo a análise de datos obtidos da medición dos parámetros físicos dos xogadores, posibilitando aos adestradores e preparadores físicos levar a cabo unha mellor xestión do persoal durante toda a tempada, individualizando exercicios segundo o estado de cada xogador e mesmo anticiparse a situacións de risco que poden derivar nunha lesión.

É por iso que a decisión de crear unha área de «tecnoloxía analítica e deportiva» é, nestes momentos, unha decisión acertada que tende a facer as cousas doutro xeito distinto a como se estaban facendo ata agora, e que nun club como o Deportivo, sumido nunha crise deportiva e económica sen precedentes, pode supor un punto de despegamento cara á modernidade e a boa xestión económica. Beneficiarse da análise masiva de datos para mellorar os seus resultados.

Nacho Álvarez é sociólogo e socio do Deportivo.