Mil gargantas para devolver ao Deportivo ao liderado

TORRE DE MARATHÓN

Los jugadores del Deportivo, durante un entrenamiento de esta semana en Abegondo
Os xogadores do Deportivo, durante un adestramento desta semana en Abegondo César Quian

O factor casa crece co aumento de público en Riazor de cara ao primeiro duelo transcendental na segunda fase

18 abr 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O mal menor ten outro nome en Soria. «Algo minimamente satisfactorio unha vez que non puidemos optar ao ascenso de categoría». Así define Álex Huerta , adestrador do Numancia, aquilo que Rubén da Barreira ve como un castigo atenuado: estrear en agosto a Primeira Federación. Distintas formas de cualificar o novo obxectivo de dous conxuntos construídos para o retorno inmediato a Segunda e que pelexarán en Riazor por non deixarse moitas opcións de consolo. Branquiazuis e rojillos disputaranse un liderado do que os apartou o Racing de Ferrol e que ten enxunlla máis aló do crédito que dá ir primeiro a tres xornadas de que conclúa a fase definitiva.

Un triunfo local poría ao Deportivo catro puntos por diante do adversario, que aínda debe visitar A Malata. Os coruñeses terían na súa man evitarse outro peche de tempada a cara de can, liquidando a clasificación antes de viaxar aos Paxariños. Aos sorianos móvelles manter a pelexa aberta ata o último día e contan co factor extra da dinámica.

Enlazan tres vitorias, cunha bagaxe de dez goles a favor e dous en contra. Ademais, non coñecen a derrota a domicilio desde que o actual técnico ocupa o banco. Tampouco teñen baixas importantes, unha vez que Manzanara superou o coronavirus. O centrocampista non estivo para recibir ao Racing e tampouco puido completar a semana de adestramentos, pero Huerta aclarou que se atopa «en disposición de xogar». Tamén avanzou o adestrador que probablemente fará algún cambio» respecto ao once que derrotou (3-1) aos ferroláns o domingo pasado e a lista de opcións non é ampla.

O lateral Borja San Emeterio é a ausencia máis rechamante do Numancia na lista de 19, polo que Lillo conservará a súa praza e o resto da zaga é practicamente inamovible. Con Asier Benito en refacho arriba (catro goles consecutivos) as posibles novidades quedarían restrinxidas ao dobre pivote ou aos extremos, onde José Fran apunta a alternativa.

Máis amplo parece o abano de Rubén da Barreira. Non só porque teña incluído un xogador máis que o opoñente na súa convocatoria, citando aos mesmos 20 que viaxaron a Langreo, senón porque os ensaios de Abegondo e Riazor mesturaron aos intocables con varios dos menos habituais. Valín, Gandoy, Nacho e Beavue han ir tendo minutos de proba dentro dun once con opcións de ser o bo, aínda que a novidade máis repetida foi a de Borges. O tico aspira ao lugar de Uche mentres que a praza máis aberta é a de extremo esquerdo. Rayco non brillou en Ganzábal e tanto Raí como Lara acumulan crédito polas súas actuacións recentes. En calquera caso, o técnico quixo restar peso a posibles cambios, desvinculándoos da recente derrota: «Non me podo deixar contaminar por un último resultado».

E se o visitante conta coa baza do ánimo, ao anfitrión ampáralle a das mil gargantas. O dobre de público en Riazor para esta enésima final anticipada. «É un partido importante, iso é indiscutible —admitía o míster—. Afrontámolo coa ambición de dar un paso á fronte e poder selar o obxectivo canto antes». Mañá é tarde.