Jordi Adroher dá unha vitoria épica no último suspiro

TORRE DE MARATHÓN

EDUARDO PEREZ

Unha falta directa a dous segundos do final dá os tres puntos ao Liceo ante o Noia

26 mares 2021 . Actualizado ás 22:06 h.

Final de película en Riazor. O Palacio púxose en pé tras a vitoria do Deportivo Liceo ante o Noia. Os coruñeses cumpriron o seu obxectivo en liga nun partido moi traballado. O Noia aproveitou as ocasións que tivo para dar guerra, pero ademais demostrou un hockey rudo. Brusco. E con algunha palabra máis que outra.

A bancada, con 250 liceístas, apertou cando o equipo o necesitou. O primeiro gol chegou cando apenas pasaran dous minutos do asubío inicial. Franco Platero iniciou unha formidable contra, entrou na área, combinou con Jordi Adroher e bateu a Sergi Moliner. A partir do tanto, o Deportivo Liceo mantivo a tónica habitual dos seus partidos. Atacaba cada bóla e defendía con solidez en cada contra. Roberto dei Benedetto intentou varios disparos afastados buscando a sorpresa, pero sen fortuna. Foi precisamente o xogador francés o que acougou as augas anotando o segundo tanto cun disparo axustado ao pau tras un saque de falta.

O segundo tempo empezou cun penalti para o Noia. Xavi Costa recortou distancias de penalti. Quedaba un mundo e as cousas púñanse costa arriba. Platero deu tranquilidade co terceiro tanto. Pero, a décimo quinta falta dos de Juan Copa, volveu permitir ao Noia recortar distancias tras unha falta directa. Restaban oito para o final. Aleix Esteller enmudeceu o Palacio co empate a tres a falta dun minuto do final. O Liceo atacaba e o tempo corría. Copa decidiu deixar ao equipo sen porteiro e ir por todas. A décimo quinta do Noia a dous segundos do final permitiu a Adroher dar a vitoria. Riazor estalou e os tres puntos quedaron en casa.

A por o liderado en solitario

Hoxe é a quenda do Liceo Feminino. Colíderes con catro puntos da OK Prata, disputan o seu encontro fronte ao Gatikako. Poderás seguir o partido en directo en Lavoz.es a partir das 18.30 horas.