A afección mobilízase en defensa do Deportivo

a voz

TORRE DE MARATHÓN

Varios centos de coches saturaron as rúas da Coruña respondendo á manifestación en apoio ao equipo. A chegada de Vázquez á chaira de Riazor desatou a tolemia

31 jul 2020 . Actualizado ás 22:02 h.

O deportivismo respondeu. Unha vez máis. A chaira de Riazor estaba a rebordar de coches máis dunha hora antes do momento fixado para a saída da manifestación en dirección á sede da Federación Galega de Fútbol.

Miles de deportivistas reuníronse nos arredores do estadio, dentro dos seus coches, para sumarse á convocatoria de apoio ao equipo polo tratamento das institucións deportivas a raíz do caso Fuenlabrada. Antes da saída, os organizadores repartiron camisetas e carteis para pegar nos vehículos a todo aquel que se achegase.

Máscaras e distancia de seguridade nunha manifestación sobre catro rodas que saturou as rúas coruñesas durante varias horas e na que os coches aínda saían de Riazor coa cabeza da caravana xa no seu destino.

Fernando Vázquez chegou co seu coche á chaira do Palacio dos Deportes para encabezar a manifestación e foi recibido entre aplausos e aclamacións polos deportivistas alí reunidos, e cando deu o pistoletazo de saída e encamiñou a marcha cara á federación, desatou a tolemia dos alí presentes.

A convocatoria era sobre catro rodas, pero moitos afeccionados, sobre todo cuadrillas de mozos, quixeron demostrar tamén o seu apoio en diferentes puntos da ruta e sumáronse con camisetas e bandeiras. Tamén nos edificios próximos á sede da federación colgaban camisetas e bufandas, e os asistentes entoaron cánticos deportivistas acompañados de tambores.

A resposta do deportivismo foi tal que os coches saturaron os arredores da sede e os máis atrasados tiveron que facerse cun oco do aparcadoiro do campo de fútbol de Elviña, e ir andando ata o lugar de reunión.