É moi posible que Fernando Vázquez non sexa o mellor adestrador que pasou por Riazor. Igual que, cando Vicente del Bosque se fixo cargo do equipo nacional, habíaos moito máis preparados que el. Ou seica alguén é capaz de soster que Zinedine Zidane é un dos cinco mellores adestradores do mundo? Seguro que moi poucos. Os mesmos que asegurarían que non viron un preparador cunha capacidade táctica superior á do adorado Arsenio Iglesias e o seu sota, cabalo e rei. Ou que a furia de Joaquín Caparrós é a mellor estratexia que hai para os partidos.
É posible que, sobre todo no fútbol actual, haxa técnicos moito mellores que estes. Pero para eses equipos e neses momentos, os citados foron e son os mellores.
Seguramente, no fútbol actual, a metodoloxía, o traballo diario e a preparación dos partidos de Luis César estean máis valorados que os hábitos de Fernando Vázquez. Pero o de Castrofeito soubo transmitir unha fe, un compromiso, unha ilusión ao persoal e á afección que ata a súa chegada non había. É a segunda vez que lle sucede. E iso que nos últimos doce anos apenas adestrou dous completos.
Porque no fútbol é tan importante o aspecto psicolóxico como o táctico. Só así se explica que xogadores como Aketxe ou Gaku estean a anos luz dos que hai pouco máis dun mes acumulaban derrota tras derrota.
Fernando conseguiu meter 25.000 persoas no campo do pechacancelas de Segunda. E non só iso, senón que os fixo volver sentirse identificados cun equipo que ultimamente se merecía máis ben pouco. Tanto que ata unha carrerita pola banda é celebrada case como unha xenialidade de Djalminha. É a lambretta particular de Fernando Vázquez. O mellor para este Dépor e nesta situación.