Fernando Vázquez: «A mecha está prendida»

TORRE DE MARATHÓN

CESAR QUIAN

O técnico de Castrofeito agradece á afección o seu decisivo apoio no triunfo de onte á noite, pero avisa aos seus xogadores: «Temos moito traballo por facer»

16 ene 2020 . Actualizado ás 22:28 h.

Houbo un bo pedazo desta terceira vitoria seguida do Dépor, conquistada tras media hora cun futbolista menos, que corresponde ao empurre e o escudo que lle brindaron a garganta de Riazor. Así o explicou Fernando Vázquez. «Gañar así... Quero agradecer á afección, porque isto é a grandeza do fútbol. Que estean case 20.000 persoas aquí un xoves ás sete... A mecha está prendida e o domingo, que é non laborable, agardo que o estadio aínda estea máis cheo», afirmou o adestrador convencido.

A pesar da vitoria sobre un rival directo pola permanencia, o profesor de Castrofeito non ocultou os aspectos a mellorar: «Tres partidos gandos seguidos dan estabilidade e seguridade. Os xogadores xa non saen con tanto medo. Vas gañando e convéncesche de que as dificultades do seguinte son menores. Pero temos moito traballo por facer para, por exemplo, igualar en ritmo competitivo ao Racing de Santander. Pareceume superior ao do Dépor. Iso hai que melloralo», subliñou.

Co Dépor a un só punto das prazas de permanencia, Vázquez insistiu no mantra que repite desde a súa chegada: o número de partidos que hai que gañar. «Non miro a clasificación. A min trouxéronme para gañar partidos e só se que quedan dez por gañar. Así é máis doado asumir a competición. Agora estamos case igualados: hai que gañar dez, pero podemos fallar en nove. Dígollo tamén aos xogadores, que deixen de mirar o que pasou, só o que estamos a facer», sinalou.

O técnico deportivista tamén falou de dous futbolistas que saíron do terreo de xogo con sensacións ben distintas. Así explicou a substitución de Montero á media hora de xogo: «Ninguén entendeu que era un castigo. Alongueille a man para saudalo, pero non me viu. Era un cambio táctico para recuperar un 0-1. Despois expliqueillo, que tiven que facelo porque o equipo manda e o máis importante é o resultado». E sobre Mujaid, destacado pola súa seguridade: «Está claro que para min é central e así o manifesto nas miñas aliñacións. Se mellora o xogo de cabeza, é rápido, poderoso no un contra un e no plano ofensivo ten algunha calidade, esa capacidade de saír e conducir, se non choca. Logo desde o punto de vista táctico ten que ter a capacidade de liderar, de dirixir a todo o equipo. Se o consegue, vai ser un xogador interesante».

Tamén tras o partido, Dani Giménez, con paradas decisivas nos minutos finais, sinalou: «A mentalidade cambia coas vitorias. O adestrador é un ídolo da afección e, aos poucos, os xogadores creémosnolo/creémonolo. Queda xogar con máis ritmo e máis pausa co balón, pero estas vitorias seguidas fan que creamos máis firmemente e ímolo a conseguir».