Desde Arxentina para cumprir o seu soño co Liceo

TORRE DE MARATHÓN

Facu ten 11 anos e é seguidor incondicional do equipo verdibranco, a quen puido ver en directo o pasado sábado

07 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Era a véspera da noite de Reis. O Liceo volvía á cancha co ano novo. As bancadas ían enchéndose aos poucos. Pero había alguén que xa ocupara o seu asento desde que o Palacio dos Deportes abrise as súas portas. Chámase Facu, ten 11 anos, e o seu agasallo chegou uns días antes que as súas Maxestades. Vive en Buenos Aires, Arxentina, onde practica hockey da man de Marcelo Galvani, un ex xogador do Liceo. El foi o que lle inxectou a paixón polo conxunto verdibranco, a quen segue como pode a través de redes sociais alén do charco.

Aproveitando unha viaxe a Europa, a súa nai, Rayu Alaniz, púxose en contacto co club herculino. Quería sorprender ao seu fillo. E tanto que o conseguiu. «Estou moi nervioso», confesaba Facu despois de baixar á pista para facerse unha foto cos xogadores arxentinos do Liceo.

En Buenos Aires xoga como porteiro no Club Atlético River Plate. «Empecei porque un día vin que facían unhas probas de patinaxe ao lado da miña casa. Probei no equipo e encantoume», afirma sen quitar ollo da pista. En concreto de todos os movementos do porteiro Carles Grau. «Aínda que tamén me gusta ser xogador», reclaca.

Xoga nunha liga escolar de apenas once equipos. Entre os seus amigos a afección non conseguía arraigarse demasiado, así que decidiu cambiarse de colexio para estar preto dos que comparten deporte con el.

Coñece o calendario, os nomes dos xogadores e non perde detalle. Arrinca o Liceo-Noia e aplaude, anima. Protesta algunha decisión arbitral pero sobre todo goza. Un amor polo hockey que tamén desprende a súa nai, que mostra orgullosa ao xogador e ao porteiro que leva tatuados na súa perna dereita. Uns Reyes adiantados, pero un soño cumprido que non esquecerá xamais.