O skyline da Coruña como protección na portería do Liceo

TORRE DE MARATHÓN

ANGEL MANSO

Carles Grau estrea hoxe ante o Noia unhas gardas nas que se representan os edificios máis emblemáticos da cidade

04 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O porteiro menos goleado da OK Liga e o veterano do persoal levará agora levará A Coruña como garda. Carles Grau, meta do Liceo, defenderá hoxe a portería ante o Noia (19.00 horas, Palacio dos Deportes de Riazor) coa forza de María Pita en contra das tropas inglesas e coa guía do faro da Torre de Hércules.

O maior dos irmáns Grau estreará hoxe unhas gardas co skyline da Coruña. «Propuxéronme personalizalas. Estaba a pensar en facer algo relacionado co Liceo ou coa cidade, pero falando con Dava Torres, o capitán, propúxome esta idea e gustoume», afirma Carles. O obelisco, a Casa das Ciencias ou a torre de control marítimo son algúns dos emblemáticos símbolos do contorno da cidade. Símbolos ben visibles para tratar de manter ao Liceo no máis alto do hockey internacional.

E é que a Carles lle gusta integrarse alá onde vai. A tempada pasada, no Porto, tamén quixo adaptarse á cidade onde vivía, á súa cultura... «Ata me apuntei coa miña muller a clases de portugués. Propúxenme adaptarme á cidade e non a cidade a min», relata. O seu proceso de adaptación a Galicia despois de vivir en Portugal apenas supuxo un cambio para el, «en canto a cultura ou gastronomía, parécense moito. Incluso o clima», asegura.

Coa Coruña como protección, o campión do Mundo absoluto quere demostrar á afección «que estou involucrado». Aínda así, deulle varias voltas para chegar ao deseño final: «Tiña a posibilidade de meter só o escudo pero pensei que así me integraba máis na cidade e que á xente lle gustaría», recalca.

Hoxe, de volta á pista, no primeiro partido do ano da competición regular, Carles sabe da importancia de seguir sumando e ampliando o colchón de puntos que lle separan do Noia, terceiro na clasificación, con dez puntos menos que o Liceo. «Non nos podemos despistar. Temos que estar concentrados e intentar xogar o mellor posible. Seguir a liña que levamos e mellorar partido a partido, que é o que nos pide Juan Copa. Non vai ser doado e serviranos para ver en que estado chegamos despois do nadal», afirma o porteiro.

Un partido para o que agardan unha gran afluencia de público, aínda que tal e como asegura Carles Grau, «falámolo entre nós e a verdade é que este ano non nos podemos queixar porque a todos os partidos veu moita xente». Pero este encontro será especial. Baixo o lema «Ningún neno sen xoguetes», o Liceo hase unido á campaña de Cáritas para a recollida de xoguetes. A entrada será gratuíta para todos aqueles que leven un xoguete ao pavillón de Riazor.