A falta de acerto en ataque impide ao Dépor gañar

Pablo López Vidal

TORRE DE MARATHÓN

César Quian

Pablo López, exanalista do Deportivo e da selección de Camerún e adestrador, debulla o derbi

01 dic 2019 . Actualizado ás 22:23 h.

No derbi desta xornada enfrontábanse o Lugo e o Deportivo, para intentar sumar puntos, co obxectivo da salvación. O Lugo, como local, conseguira tres vitorias, tres empates e tres derrotas, con doce goles a favor e quince en contra. O Deportivo, en cambio, non lograra ningunha vitoria como visitante, catro empates e cinco derrotas, con seis goles a favor e dezasete en contra.

lugo

Sistemas de xogo: 1-4-4-2

Eloy Jiménez variou o sistema de xogo e realizou ata cinco cambios de xogadores respecto ao partido da semana pasada. Na dianteira, entraría Manu Barreiro; como extremo esquerdo, Rahmani; Seoane, no medio campo; José Carlos, no lateral esquerdo e o xogador camerunés, Leuko, como lateral dereito.

Fase defensiva

O Lugo presionaba en posicionamento avanzado para evitar que o Deportivo xogase en curto e tivese que buscar balóns longos cara a Aketxe, dianteiro centro neste partido.

Fase ofensiva

O Lugo realizou ataque combinado e, por momentos, levou o peso do partido. Os galegos, Pita e Seoane, encargábanse de levar o balón dunha banda a outra, mediante cambios de orientación curtos e medios. Unha vez que xogaban con amplitude, buscaban profundar polas bandas e realizar centros cara a Manu Barreiro, especialista rematador. Cada vez que perdían o balón en ataque, practicaban presión tras perda, cos xogadores máis próximos, e desta forma, conseguiron roubar varios balóns no campo coruñés.

DEPORTIVO

Sistemas: 1-4-3-3

Luis César mantivo o mesmo sistema de xogo da semana pasada. Só variou a un xogador: Aketxe actuaría de falso nove, en detrimento de Longo, que quedaría todo o encontro no banco.

Fase defensiva

O Deportivo realizou presión avanzada cos seus tres homes de arriba. Koné e Mollejo, desde a súa posición de extremos, saían a presionar aos centrais, para que tivesen que forzar situacións e así, recuperar o balón na seguinte liña. Aketxe situábase preto de Pita, para que non recibise nin iniciase o ataque.

Fase ofensiva

O Deportivo intentaba combinar en ataque. Tanto Peru como Vicente pedían o balón entre central e lateral, para iniciar o xogo con máis claridade.

Os laterais deron profundidade polas bandas e a mobilidade dos tres dianteiros xerou situacións de perigo na defensa rival

CLAVES

1. Ocasión nos minutos iniciais. Unha semana máis na que o rival ten unha ocasión moi clara nos primeiros minutos do encontro. Por fortuna, esta vez Manu Barreiro non puido marcar grazas a unha gran parada de Dani.

2. Solidez defensiva. O Deportivo logrou deixar a súa portería a cero, do mesmo xeito que fixeran contra o Alcorcón. A solidariedade defensiva e as axudas conseguiron que o Lugo gozase de contadas ocasións para poder marcar. Unha melloría palpable no equipo.

3. Aspecto ofensivo. O Dépor xerou máis ocasións que a semana pasada. Mollejo foi o xogador máis perigoso: ata en tres ocasiones puido marcar, pero Cantero, o porteiro do Lugo, estivo moi seguro durante todo o partido.

4. Posesión de balón. Así como na primeira parte o Deportivo tivera máis minutos a posesión do esférico, na segunda, tornáronse os papeis e o Lugo tivo máis control. En cambio, as ocasións (fóra da de Manu Barreiro, no remate dunha falta) serían para o Deportivo.