Valín é aire fresco para un Dépor que necesita xente sen medo

Rubén Coméndez

TORRE DE MARATHÓN

LOF

05 novs 2019 . Actualizado ás 09:07 h.

Jorge Valín é un futbolista novo, pero ten condicións e un porvir importante. Trátase dun xogador que reúne cualidades moi necesarias para a súa posición no lateral dereito. Ten descaro e é rápido, con moito percorrido.

Talvez no único partido no que se lle puido ver co primeiro equipo, o das Palmas, non actuou coa seguridade e tranquilidade que adoita ter. Pero iso pódese achacar a que era un encontro complicado contra un rival difícil e nun estadio de Primeira. Medilo polo sucedido alí sería inxusto. Unha estrea ante Vise e Pedri no que ademais había orde de centrarse en tapar os corredores centrais. Aínda así, el non desentonó nin o seu nivel foi inferior ao do resto dos seus compañeiros.

Trátase dun mozo moi tranquilo coa pelota, sen medo á hora de atacar, correr, incorporarse... Aire fresco para o Dépor nun momento en que se necesita xente valente para pedir a pelota e asumir responsabilidades. Unha situación delicada en que non todo o mundo ten esa capacidade.

Valín sabe elixir en que momento incorporarse e cando ten que dar o apoio por detrás. Polo que, se coa nova proposta que parece querer implantar Luis César redúcenselle as situacións para dobrar, porque o extremo non vai tanto cara a dentro, poden xerar tamén dous para un ou ofrecerse en apoio ás costas.

A nivel defensivo, falamos dun xogador en proceso de crecemento, pero ten velocidade e unhas condicións físicas moi boas. Só ten que ir gañando experiencia e contundencia. En Segunda hai que saber manter un punto alto de agresividade, marcar o territorio, e a el é difícil levalo no un contra un.

Estamos ante un importante activo do Dépor ao que habería que aproveitar.

Rubén Coméndez foi adestrador de Jorge Valín no Xuvenil A de o Deportivo