A importancia do nivel de activación no fútbol

José Velo Gantes

TORRE DE MARATHÓN

Alberto Nevado Piqueras

04 novs 2019 . Actualizado ás 09:50 h.

Desde o meu punto de vista, esta tempada o Deportivo ten fundamentalmente dous problemas: de xogo e mental. Están a repetirse situacións de ir sempre por detrás no marcador nas primeiras partes, o cal condiciona un partido desde o aspecto táctico ao psicolóxico, xera nos futbolistas unha perda de autoconfianza a nivel individual e grupal, a aparición de pensamentos negativos nas súas mentes e, consecuentemente, perda de concentración, temor a tomar decisións, bloqueo e baixada do rendemento deportivo.

Por que non se activa correctamente o equipo desde o principio? Talvez porque nas súas cabezas perciben aínda cada partido como unha ameaza e non como un reto desafiante. Entran no encontro, inconscientemente, nunha posición de perdedor pola mala traxectoria que hai detrás, e cando se dan conta de que non son inferiores ao rival, reaccionan, rebélanse contra a situación, non tiran a toalla. Por iso quedo con esta postura moi positiva do equipo, que lles vai permitir superar aos poucos esas incertezas. Aí xogan un papel moi importante os líderes do grupo, o corpo técnico e o labor do psicólogo do club. Hai que seguir traballando o aspecto psicolóxico e por suposto, tamén o xogo.

O Deportivo viuse cun marcador adverso durante os primeiros corenta e cinco minutos nos dous últimos encontros, e reaccionou nas segundas partes mellorando o seu xogo e empatando os partidos. Por que? As segundas partes hai que velas como un partido novo. A nivel técnico, o míster corrixe erros e fai algunha modificación táctica que mellora o xogo; e no aspecto psicolóxico, o nivel de activación dos xogadores mellora, axústase, o cal significa que o equipo é capaz de superar situacións adversas e sabe como facelo. É seguro que o psicólogo estará traballando este aspecto e outros moitos, tan importante no rendemento deportivo.

O nivel de activación é a forma de activarse unha persoa a nivel físico e psicolóxico, e cada futbolista ten que aprender a atopar o seu nivel óptimo de activación, porque non hai un único nivel óptimo, cada xogador ten o seu e vai depender da súa personalidade e da tarefa que lle asigne o adestrador. Xa que logo, os deportistas teñen que adestrar psicoloxicamente o nivel de activación para chegar ao nivel óptimo e así ter un rendemento deportivo máximo acorde á súa capacidade.

O nivel de activación depende de tres variables: a motivación, o nivel de estrés e a autoconfianza, que van determinar o funcionamento físico e mental dos futbolistas e o seu rendemento deportivo. É tan negativo que un futbolista saia ao campo cun nivel de activación moi alto -de gran tensión e excitación, co que cometería moitos erros, reaccións tardías, risco de expulsión, indecisións continuadas... debido a que a súa capacidade de concentración é moi baixa-, como cun nivel de activación moi baixo, co cal non estaría preparado para competir xa que unha tensión muscular adecuada e a coordinación son fundamentais para unha boa execución deportiva.

José Velo Gantes é psicólogo especialista en Psicoloxía do Deporte, profesor titular de Psicoloxía da Escola Galega de Adestradores e adestrador Nacional de Fútbol