O exdeportivista Songo'o regresa á selección de Camerún

TORRE DE MARATHÓN

XOSE CASTRO

Forma parte do novo corpo técnico que substitúe ao de Seedorf e Pablo López

21 sep 2019 . Actualizado ás 13:48 h.

A selección de Camerún volveu a mirar ao Deportivo para configurar o seu novo corpo técnico. O histórico gardameta do club coruñés Jacques Songo'o formará parte do novo grupo de adestradores que dirixirá o combinado, que traballará baixo a dirección do portugués Antonio Conceiçao. O novo seleccionador rodeouse por dous respectados exfutbolistas do país, como son Songo'o e François Omam Biyick.

O exdeportista, que se encargará da preparación de porteiros, xa formara parte do corpo técnico da selección de Camerún e agora volve. Como futbolista da selección dos leóns indomables, Songo'o, que agora ten 55 anos, gañou dúas veces a Copa de África e participou en catro Mundiais. O corpo técnico formado por Conceiçao, Omam Biyick e Songo'o toma a vez do que formaron Seedorf, Kluivert e o coruñés Pablo López ata hai uns meses na selección africana.